Formoso destaca o labor do cooperativismo como chave para o desenvolvemento rural en Paderne

ACoruñaXa
O presidente provincial e o alcalde de Paderne, Sergio Platas, visitaron o mércores a cooperativa El Plantel Comarcal de Betanzos, que agrupa a 70 socios e socias e da servizo a 170 pequenas explotacións agrogandeiras da comarca
O presidente da Deputación da Coruña visitou este mércores a cooperativa El Plantel de Paderne
O presidente da Deputación da Coruña visitou este mércores a cooperativa El Plantel de Paderne
4 abr 2024

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, acompañado do alcalde de Paderne, Sergio Platas, e das deputadas de Vías e Obras e Emprego, Mónica Rodríguez e Rosa Ana García, visitou o pasado mércores pola mañá a cooperativa El Plantel Comarcal de Betanzos, onde foi recibido pola presidenta da entidade, María José Manivesa, a xerente, Carmen García e máis dunha decena de socios, que explicaron a actividade da empresa.

Constituído en 1974, O Plantel Comarcal agrupa actualmente a 70 socias e socios e presta servizos a 170 pequenas explotacións agrogandeiras da comarca. O seu principal obxectivo é a fabricación de pensos e abonos, xestión de almacén agrícola, venda de combustible, servizos veterinarios e asesoramento técnico aos agricultores. Contan cun técnico agrícola que ofrece asesoramento e planificación de cultivos para os socios, os cales tamén reciben apoio na comercialización e venda dos seus produtos.

“Son produtos locais de cercanía e de gran calidade. Estas leitugas foron recollidas onte e hoxe están listas para estar na mesa”, afirmou María José Manivesa, durante a visita ás instalacións na que explicou que “estes produtos producidos nas hortas da comarca son despois distribuídos a pequenas tendas de Betanzos, Sada ou Miño”.

Pola súa banda, as responsables da cooperativa explicaron tamén que manteñen acordos con outras para intercambiar produtos, como a cooperativa o Val de Narón: “Vendemos pementos do Couto e eles tomates de aquí”, explicaron, ao tempo que recoñeceron que o relevo xeracional é un dos principais hándicaps.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, destacou “a importancia que cooperativas como El Plantel Comarcal teñen como ferramenta para o desenvolvemento do rural, para ofrecer servizos e axudar a fixar de poboación”.

“Desde a Deputación apoiamos este tipo de iniciativas e coincidimos cos seus socios e socias en que é importante facer visible que se pode vivir do campo e que as novas xeracións vexan tamén oportunidades no rural”, afirmou o presidente, que destacou que “a unión destes produtores locais é a súa forza, ademáis dun produto excelente e de cercanía que chega das hortas ás nosas casas en apenas unhas horas”, afirmou.

Varios dos socios plantexaron tamén ao presidente a posibilidade de ampliar a estrada que dá acceso á cooperativa, que se queda pequena debido ao paso continuo de vehículos pesados, un asunto que Formoso se comprometeu a estudar en colaboración co goberno local de Sergio Platas.

A cooperativa contou o ano pasado co apoio do Plan de Emprego Local da Deputación da Coruña para a contratación dun conductor dos camións que transportan os pensos. Foi unha das 91 persoas contratadas en pequenas empresas na comarca da Coruña ao abeiro do programa PEL-PEMES para contratación de persoal, que beneficiou a un total de 544 persoas en situación de desemprego nos concellos da provincia.