Finalizan antes de Nadal as clases de informática dirixidas á infancia en Aranga

As clases de formación en informática dirixidas a nenos e nenas de Aranga puxeron esta semana o punto e final antes das vacacións de Nadal. Segundo informou o Concello, o pasado luns celebrouse a última sesión, concibida como unha xornada especial para despedir a actividade e gardar un recordo da experiencia a través de fotografías do grupo.
Dende a administración local sinalan que esta iniciativa se enmarca na aposta municipal por promover accións formativas entre a infancia, co obxectivo de favorecer a aprendizaxe e o uso responsable das novas tecnoloxías. O Concello avanza que continuará impulsando propostas deste tipo ao longo do ano, orientadas a reforzar competencias dixitais dende idades temperás.