Fillos de Ois, un século preservando a memoria dunha parroquia

Por Noelia Uceira
Hai pobos que conservan a súa historia nos arquivos e outros que a manteñen viva grazas á memoria dos seus veciños. En Santa María de Ois, ambas as dúas cousas van da man desde hai máis de catro décadas grazas á Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva Fillos de Ois. O que comezou sendo o empeño dun grupo de veciños por recuperar a antiga escola levantada polos emigrantes da parroquia en Bos Aires converteuse, co paso dos anos, nun auténtico proxecto de conservación do patrimonio, investigación histórica e defensa da identidade da parroquia.
Pero para comprender o traballo que hoxe desenvolve a sociedade hai que viaxar moito máis atrás no tempo. Concretamente, aos comezos do século XX e a miles de quilómetros de Galicia.

Como tantas outras localidades galegas, Ois viviu unha intensa emigración cara a América. Moitos daqueles veciños establecéronse en Bos Aires, onde crearon a sociedade Hijos de Ois de Ayuda Mutua, unha entidade nacida para prestar apoio a quen deixara atrás a súa terra e precisaba sentirse acompañado na distancia. 'Naquela época, os emigrantes constituían sociedades para sentirse máis arroupados e prestarse axuda nos momentos difíciles da emigración', explica Manuel Fiaño durante a conversa.
Pero aquela sociedade non serviu unicamente para estreitar os lazos entre quen cruzara o Atlántico. Moi pronto comezou a mirar cara ao pobo que deixaran atrás e a pensar en como mellorar a vida de quen permanecía en Galicia. O seu gran proxecto foi construír unha escola. 'A idea daquelas persoas era que quen quedaba aquí tivese as oportunidades que eles non tiveron e que os empuxaron a emigrar', sinala Fiaño.
As obras comezaron en 1930 e, tras tres anos de traballo, o edificio foi inaugurado en 1933. Durante décadas converteuse no principal centro educativo de Santa María de Ois e nun dos grandes símbolos do esforzo dos emigrantes por devolver algo á súa terra.

A escola funcionou ata a década dos setenta, cando a concentración escolar levou ao traslado do alumnado ao centro comarcal de Betanzos. A partir de entón, o inmoble quedou baleiro e comezou un lento proceso de deterioración. Parecía condenado ao abandono, pero a historia do edificio aínda tiña unha segunda oportunidade.
En 1982, o mestre Gonzalo Tizón Sánchez tomou a iniciativa para recuperar aquel espazo e poñer en marcha a actual Sociedade Recreativa, Cultural e Deportiva Fillos de Ois, da que foi o seu primeiro presidente. Baixo o seu impulso comezou un proceso de recuperación que permitiu devolverlle á antiga Escola do Fontelo a súa función como punto de encontro para a veciñanza e convertela na sede dunha entidade que, co paso dos anos, acabaría asumindo un papel fundamental na conservación da memoria da parroquia.
A rehabilitación do edificio non foi, con todo, obra dunha soa persoa. Miguel Gayoso insiste en que aquel renacer foi, sobre todo, un esforzo colectivo. 'A recuperación tamén se debe ao traballo persoal de moita xente. Naqueles anos non había cartos, senón as pequenas achegas dos veciños e un enorme esforzo persoal. Houbo veciños que, despois de rematar a súa xornada laboral, acudían botar unha man. Uns achegaban coñecementos de albanelería, outros de carpintaría e moitos simplemente tempo e ganas de traballar.'
Pero aquela recuperación foi só o principio. Desde os seus inicios, Fillos de Ois naceu cunha clara vocación de servizo á veciñanza, á marxe de que fose ou non socia da entidade, contribuíndo a dotar a parroquia de servizos dos que carecía naquel momento. A sociedade cedeu ao Concello un espazo para a creación dunha unidade de párvulos e outro para instalar unha consulta médica. Ata entón, a asistencia sanitaria prestábase nunha taberna, sen as debidas condicións de privacidade nin hixiene, polo que a apertura da consulta supuxo unha notable mellora para os veciños. Co paso dos anos, Fillos de Ois deixou de ser unicamente un lugar de encontro para converterse nun dos principais gardiáns da memoria da parroquia. Hoxe desenvolve un intenso labor de investigación histórica que permitiu rescatar documentos, fotografías, historias, testemuños e elementos patrimoniais que, doutro xeito, probablemente se perderían para sempre.

Boa parte dese traballo queda recollido en As 4 Aldeas, a revista que edita a sociedade e que se converteu nunha xanela aberta á historia e ao presente de Ois. As súas páxinas combinan artigos de investigación sobre o patrimonio, antigos oficios, arquitectura popular ou veciños destacados da parroquia coa actualidade da propia entidade: as súas actividades, os seus proxectos e as propostas que impulsa para seguir reunindo a comunidade.
A publicación conserva ademais un importante vínculo coas orixes de Fillos de Ois. A cabeceira naceu en Bos Aires en 1923, ligada á antiga sociedade Hijos de Ois de Ayuda Mutua, e foi recuperada pola entidade en 1999, tendendo unha ponte entre aqueles emigrantes que soñaron con mellorar o seu pobo e a sociedade que hoxe mantén vivo ese legado. Na actualidade, a revista suma xa 94 números publicados.
Detrás de cada edición hai moitas horas de procura en arquivos, consultas bibliográficas e conversas con veciños que aínda conservan lembranzas ou documentos familiares. Todo iso, ademais, realízase de maneira completamente altruísta. Os propios colaboradores elaboran boa parte dos contidos e asumen incluso tarefas de edición e maquetación para reducir custos. 'Os gastos son asumidos persoalmente por nós', explica Miguel. Gustaríalles publicar a revista integramente en cor, pero recoñecen que o orzamento da sociedade non sempre o permite. Por iso, os exemplares que reciben os socios nos seus domicilios edítanse en branco e negro. Aínda así, calquera persoa pode consultar gratuitamente todos os números a través da páxina web de Fillos de Ois, onde a publicación está dispoñible en formato dixital. Convencidos de que o seu verdadeiro valor reside en conservar e compartir unha memoria que pertence a todos, continúan editándoa ano tras ano.
As investigacións abarcan practicamente calquera aspecto relacionado con Ois. Documentaron antigos muíños, a ferrería do Machuco de Ois (unha das máis importantes da provincia da Coruña), hórreos, camiños, edificios desaparecidos ou a evolución da paisaxe mediante fotografías aéreas históricas. Este traballo non se limita exclusivamente a Santa María de Ois, xa que ao longo dos anos a sociedade ampliou a súa mirada ao conxunto do municipio de Coirós e a outros enclaves da comarca. Un bo exemplo é o seu traballo sobre a historia da tortilla de Betanzos e Coirós, no que recuperan unha publicación de 1955 que xa cualificaba as tortillas da Casilla como 'as mellores tortillas do mundo', ao tempo que reivindican as orixes desta tradición culinaria no Fontelo, onde a familia de Angelita Rivera comezou a elaboralas antes de trasladarse a Betanzos, levando consigo a receita. Esa vocación divulgativa converteu As 4 Aldeas nunha publicación de referencia para quen desexa coñecer mellor a historia local.
Tamén recuperaron centos de imaxes cedidas polos propios veciños. 'Non terás algunha foto antiga? Pois van aparecendo', explican entre risas, lembrando como moitas veces unha conversa acaba converténdose nunha nova peza para reconstruír a historia da parroquia. Ese traballo inclúe tamén a recuperación de fondos documentais persoais, como bibliotecas ou coleccións privadas. Entre elas atópase a biblioteca de Obdulio Vaquero G., primeiro mestre da Escola do Fontelo, cedida polos seus herdeiros e conservada hoxe pola sociedade.

Pero a recuperación da memoria de Ois non se limita aos arquivos. A sociedade propúxose tamén divulgar ese patrimonio e achegalo á veciñanza mediante actividades culturais e de convivencia que manteñen vivo o espírito co que naceu hai máis de catro décadas. Ao longo do ano organiza citas xa consolidadas como a Festa do Socio, o Magosto ou a celebración do Nadal, ademais de excursións culturais, rutas de sendeirismo polo patrimonio natural e histórico da contorna e outras viaxes e actividades puntuais, como as xiras fluviais polos Caneiros. A entidade colabora ademais con outras asociacións do municipio e da comarca, convencida de que a cultura e a participación son a mellor maneira de fortalecer o vínculo entre xeracións.

Ese calendario continúa medrando con novas propostas. A sociedade anunciou recentemente iniciativas como unha excursión cultural a Cambados e O Grove, actividades con motivo do Día das Letras Galegas, rutas polo patrimonio natural ou unha convocatoria para observar a eclipse total de sol do vindeiro 12 de agosto desde A Pena do Sal; unha mostra de que Fillos de Ois segue a ser unha entidade plenamente activa e aberta a toda a veciñanza.
Unha das citas máis especiais deste ano será a homenaxe que a sociedade renderá a Gonzalo Tizón Sánchez, falecido en febreiro de 2025. O acto terá lugar o domingo 9 de agosto, ás 11.30 horas, na sede de Fillos de Ois, onde veciños, socios e familiares lembrarán a figura de quen foi o primeiro presidente da entidade e unha persoa clave na recuperación do antigo edificio da Escola do Fontelo.

Máis aló do seu papel na creación da sociedade, Gonzalo destacou polo seu compromiso cos veciños de Ois e Coirós, promovendo iniciativas sociais e participando tamén na vida política municipal como concelleiro. A entidade quere lembrar non só o impulsor de Fillos de Ois, senón tamén unha persoa que dedicou boa parte da súa vida a defender os intereses colectivos e que deixou unha fonda pegada na historia social, cultural e veciñal da parroquia. A súa figura representa precisamente un dos valores que Fillos de Ois tentou manter desde as súas orixes: a implicación da veciñanza na defensa daquilo que pertence a toda a comunidade.
Hoxe, a presidencia da sociedade está nas mans de Alberto Naveira, que tomou a remuda hai poucos anos. O novo presidente recoñece a responsabilidade que supón continuar un proxecto construído durante tantos anos por ducias de veciños e aposta por manter ese legado sen renunciar a incorporar novas iniciativas que permitan atraer máis persoas á vida da sociedade. Con todo, tanto el como Miguel Gayoso e Manuel Fiaño coinciden en que o verdadeiro desafío de Fillos de Ois non está en organizar actividades ou publicar un novo número da revista, senón en garantir a remuda xeracional.
'Non é lóxico que 44 anos despois recaia sobre nós a responsabilidade de que isto funcione ou non funcione', reflexiona Miguel, xa xubilado. Tanto el como Manuel aseguran que seguirán colaborando sempre que poidan, pero consideran que chegou o momento de que as novas xeracións asuman o liderado da sociedade.
'Nós estamos aquí para axudar no que poidamos, pero o camiño ten que marcalo a xente nova', explican. Para eles, o reto non é unicamente atopar persoas que ocupen un cargo na directiva. O importante é atraer xente con novas ideas e capaz de adaptar a sociedade ás necesidades actuais. Manuel resúmeo nunha frase: 'O importante é facer equipo'.
Despois de máis de corenta anos desde a súa creación e case un século despois de que aqueles emigrantes de Bos Aires decidisen levantar unha escola para o seu pobo, Fillos de Ois mantén intacto o mesmo espírito: traballar por e para a comunidade. Porque a súa historia non fala só dunha escola restaurada, dunha revista ou dun calendario de actividades. Fala de varias xeracións de veciños que entenderon que preservar a memoria tamén é construír futuro e que o patrimonio dun pobo non só se conserva restaurando os seus edificios, senón tamén mantendo vivas as súas historias.
E mentres haxa persoas dispostas a investigar, compartir e contar esas historias, Ois seguirá conservando unha parte esencial de si mesmo.
