Este martes, 9 de xullo, actuarán Lontreira, Cloe Savage e Filloas no Atlantic Pride

ACoruñaXa
A Praza de Pontevedra acollerá, de 20.00 a 00.00 horas, a terceira xornada do festival coruñés
Imaxe dos artistas do Atlantic Pride do 9 de xullo
9 Jul 2024

Lontreira, Cloe Savage, Filloas e La Suprema poñerán a banda sonora do Atlantic Pride da Coruña este martes, 9 de xullo, na terceira xornada do festival, que se desenvolverá de 20.00h a 00.00h na Praza de Pontevedra. O pop urbano en galego de Filloas servirá para abrir boca, mentres que Cloe Savage chegará disposta a abraiar cunha actuación que destaca pola súa forza visual, así como polos tintes satíricos que acompañan ao seu espectáculo. Pola súa bada, Lontreira ofrecerá unha singular viaxe da electrónica á música tradicional, cun caleidoscopio estilístico de sons variados, que van do speak-word ao dream-pop ou mesmo do tecno-folk a un vangardista reguetón. La Suprema será a dj encargada das pinchadas para abrir e pechar esta terceira velada do Atlantic Pride 2024.

Programa do martes 9 de xullo - Praza Pontevedra (20.00 a 00.30 horas)

20.00 horas - La Suprema

21.00 horas- Filloas

22.00 horas Cloe Savage

22.30 horas - Lontreira

23.30 horas - La Suprema

Sobre os artistas

Filloas é un artista de pop urbano en galego que che ven a traer unha música coa que non pararás de bailar e moverte. O seu estilo basease na autenticidade das letras, que se mesturan con ritmos clásicos como o punk e outros máis modernos como o hyperpop ou o trap. A súa música é un reflexo da súa vida e das súas experiencias e sentimentos máis profundos, pero sempre buscando o sorriso e transmitindo unha mensaxe positiva. O seu son as letras persoais e xeracionais e as referencias á cultura pop e internet. O seu directo promete música actual, auténtica e divertida en galego.

Cloe Savage é unha drag queen da Coruña que reivindica a presenza de corporalidades non normativas en todos os ámbitos. Esta Bratz galega deixa ao público abraiado cas súas actuacións, as cales destacan pola súa forza visual, así como polos tintes satíricos que acompañan ao seu espectáculo.

Adriana Cores, Héctor Rodríguez (Rotce) e Iván Barral son os tres compoñentes de Lontreira, grupo de música en galego con raíces na Illa de Arousa e con Vigo como berce da súa formación. Desde os seus inicios no verán 2022, Lontreira non deixa de dar pasos de xigante na industria musical, compoñendo sen descanso novos temas e argallando directos que logren sorprender ao espectador, converténdose nunha prometedora banda emerxente galega. O seu tema Corazón de toxo foi elixido canción do verán en Galicia en 2022 pola CRTVG e, con ela, visitaron citas tan imprescindibles como o Surfing The Lérez, o Atlantic Fest ou o 17º, entre moitos outros festivais. No ano 2023 foi elixida finalista na categoría de banda emerxente nos 10º Premios Martín Códax da Música, e foi, tamén, unha das 14 bandas seleccionadas entre máis de 300 para participar no MUMI Músicas do Minho 2023.

Lontreira presentou en 2023 o seu primeiro traballo discográfico, Apnea, que intercala poemas e cancións para ir narrando singraduras da vida a través das conexións especiais cos espazos naturais que lles rodean. Para Héctor Rodríguez, teclista e compositor do grupo, a música é unha vocación que quere transformar en profesión. Para Adri, a música é unha afección “herdada polo ambiente cultural no que me criei na casa” coa que quere transmitir a súa paixón polo medio natural. Pola súa parte, Iván Barral, guitarrista autodidacta e último en incorporarse a Lontreira, é o encargado de lanzar as “balas guitarreiras” que envolven de melodía ao público. Xuntos crean arte, unha arte que queren compartir na terra que a inspira, Galicia, e a complicidade co seu público. Sen dúbida, a troupe pode presumir de cargar cada directo con novidades e postas en escena que pouca xente agarda ver.

0.15921306610107