Especialistas de distintos países avanzan na investigación sobre envellecemento celular e metabolismo na quinta edición do CAMS

ACoruñaXa
O simposio internacional, que se celebra ata o 22 de xullo no Campus de Oza, analizará os mecanismos biolóxicos do envellecemento e a súa relación co desenvolvemento de enfermidades asociadas á idade
congreso-cams-udc
20 Jul 2026

O Campus de Oza da Universidade da Coruña acolle desde este luns e ata o vindeiro 22 de xullo a quinta edición do Cellular Aging and Metabolism Symposium (CAMS 2026), un congreso científico internacional dedicado ao estudo da relación entre o envellecemento celular, o metabolismo e o desenvolvemento de enfermidades asociadas á idade.

O encontro foi inaugurado esta mañá polo reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, e reúne persoal investigador procedente de universidades, hospitais e centros de investigación de España e doutros países europeos. Ao longo de tres xornadas, os participantes afondarán en cuestións como a senescencia celular, as alteracións metabólicas, a disfunción mitocondrial, a regulación epixenética, a inflamación ou os cambios que se producen no microambiente dos tecidos.

Durante a inauguración, Ricardo Cao destacou o labor desenvolvido polo Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA) e polo Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), cuxa actividade abrangue ámbitos como a bioloxía molecular e celular, o cancro, o envellecemento, as enfermidades metabólicas, a nanomedicina e outras terapias innovadoras.

O reitor aproveitou tamén a súa intervención para poñer en valor a relación entre investigación e formación universitaria. Neste sentido, lembrou a oferta académica da UDC no ámbito das ciencias da saúde e referiuse ao recente acordo para impartir na Coruña o segundo ciclo do Grao en Medicina en colaboración co Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC), unha iniciativa que, segundo indicou, reforza a integración entre docencia, investigación e práctica asistencial.

Así mesmo, subliñou a importancia de encontros científicos como o CAMS 2026 para favorecer novas colaboracións entre investigadores e contribuír a que os avances científicos se transformen en beneficios reais para a sociedade.

O envellecemento constitúe un dos principais factores de risco para numerosas enfermidades. Co paso do tempo, as células experimentan cambios no seu metabolismo, na súa capacidade para producir enerxía e nos mecanismos responsables de manter o correcto funcionamento dos tecidos. Estas alteracións favorecen o deterioro funcional asociado á idade e poden contribuír á aparición de enfermidades cardiovasculares, neurolóxicas, metabólicas e oncolóxicas.

Neste contexto, os organizadores destacan que coñecer as causas celulares e moleculares das enfermidades relacionadas co envellecemento resulta esencial para avanzar na súa prevención. Comprender estes procesos permitirá identificar novos biomarcadores, detectar de maneira máis temperá os factores de risco e desenvolver estratexias terapéuticas máis precisas.

O simposio tamén pon o foco na necesidade de que o incremento da esperanza de vida vaia acompañado dunha mellor saúde, autonomía e calidade de vida, o que require profundar na comprensión da relación existente entre metabolismo, envellecemento celular e enfermidade.

Para abordar estes retos, o programa reúne especialistas de institucións científicas nacionais e internacionais que presentarán os últimos avances en metabolismo celular, función mitocondrial, senescencia, cancro e enfermidades asociadas ao envellecemento.

O encontro está organizado por Juan Fafián e María Arufe, integrantes do Grupo de Terapia Celular e Medicina Rexenerativa (TCMR), pertencente ao CICA e ao INIBIC, coa colaboración de persoal investigador da Universidade da Coruña. O traballo deste grupo integra investigación en terapia celular, medicina rexenerativa, envellecemento celular e cancro, co obxectivo de comprender mellor os mecanismos das enfermidades e impulsar novas estratexias diagnósticas e terapéuticas.

Ademais do programa científico, o CAMS 2026 celebrará este luns, ás 19.00 horas, no Café de Macondo da Coruña, a sesión divulgativa aberta ao público “Envellecemento e Calidade de Vida”. A actividade estará moderada por Sandra Rego, técnica de comunicación do CICA, e contará coa participación de Cleo Bishop, do Blizard Institute da Queen Mary University of London e presidenta da International Cell Senescence Association; Estela Area Gómez e Ignacio Benedicto, do CIB-CSIC; e M. Carmen de Andrés, do INIBIC.

Durante este encontro divulgaranse os mecanismos biolóxicos do envellecemento, a súa relación coa saúde e os principais retos para promover un envellecemento saudable desde unha perspectiva accesible ao público xeral.

A celebración do CAMS 2026 reforza o papel da Universidade da Coruña, do CICA e do INIBIC na investigación sobre envellecemento, metabolismo e saúde, ao tempo que consolida A Coruña como punto de encontro para a comunidade científica que traballa na comprensión e prevención das enfermidades asociadas á idade.

O Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía (CICA), creado en 2015, reúne na actualidade máis de 200 investigadores e investigadoras distribuídos nas áreas de Biomedicina, Alimentación, Contaminación e Saúde, e Nanociencia e Materiais Avanzados.

Desde 2024, o centro conta co apoio financeiro da Unión Europea a través do Programa Galicia FEDER 2021-2027 e forma parte da rede CIGUS da Xunta de Galicia, que acredita a calidade e o impacto da súa investigación no sistema universitario galego.

A excelencia investigadora, a transferencia tecnolóxica e a transmisión do coñecemento á sociedade constitúen os tres piares do CICA, que tamén destaca pola súa capacidade para atraer talento, pola promoción da igualdade de xénero e pola elevada presenza de mulleres investigadoras, superior ao 50 %.

0.14884400367737