Dúas medallas europeas para o Kwon Betanzos nun brillante Campionato de Europa de Clubs

ACoruñaXa
O club betanceiro regresou de Sarajevo con dous bronces e converteuse no equipo español con máis medallas da competición, igualado co Tortosa de Madrid
BETANZOS kwon europeo
23 Jun 2026

O Club Kwon de Betanzos volveu destacar no panorama internacional do taekwondo tras a súa participación no Campionato de Europa de Clubs, celebrado en Sarajevo (Bosnia e Herzegovina), onde logrou dúas medallas de bronce e se situou como o club español con máis podios da competición, empatado co Tortosa de Madrid.

A expedición betanceira estivo formada por catro deportistas das categorías cadete e xunior. Os mellores resultados chegaron da man de Antón Quintero, que conquistou a medalla de bronce na categoría xunior de menos de 78 quilos, e de Mencía Villar, que tamén se fixo co terceiro posto en xunior menos de 44 quilos.

Tamén competiron Aintzane Vázquez, na categoría cadete de menos de 44 quilos, e Arianna Deibe, en xunior menos de 52 quilos. As dúas deportistas quedaron eliminadas na primeira rolda tras encontros moi igualados. Aintzane caeu ante unha rival de Turquía e Arianna fronte a unha competidora de Croacia, en ambos os casos por unha marxe mínima.

Ademais dos representantes do Kwon, na viaxe tamén participou Roi Fraga, deportista do club Número Phi de Caldas. O competidor contou co apoio como adestrador de Rubén Taboada, responsable do club betanceiro, que o acompañou durante o campionato ata lograr a medalla de ouro na súa categoría.

Grazas a estes resultados, o Kwon consolidou a súa presenza entre os clubs máis destacados do campionato continental, nun torneo que reuniu a algúns dos mellores taekwondistas europeos das categorías de formación.

0.10089802742004