Dúas alumnas da UDC reciben o recoñecemento da Valedora do Pobo polos seus estudos sobre igualdade

ACoruñaXa
Jimena Cardona Felipe e Genoveva Gundín González foron premiadas polos seus traballos académicos sobre a influencia da pornografía na mocidade universitaria e os dereitos afectivo-sexuais das mulleres maiores
ESCI da UDC
7 May 2026

As estudantes da Universidade da Coruña Jimena Cardona Felipe e Genoveva Gundín González foron galardoadas na VI edición dos Premios Valedora do Pobo aos mellores Traballos de Fin de Grao e de Fin de Máster en materia de igualdade e dereitos das mulleres.

Os premios recoñecen investigacións universitarias que contribúen a analizar, visibilizar e promover a igualdade desde diferentes ámbitos académicos. Nesta edición, as dúas alumnas da UDC foron distinguidas con premios ex aequo nas súas respectivas categorías.

Jimena Cardona Felipe recibiu o recoñecemento na modalidade de Traballo de Fin de Grao polo estudo 'Violencia en la pornografía y su impacto en las prácticas sexuales de los jóvenes universitarios/as: Un estudio cualitativo en la UdC'. A investigación aborda a influencia da pornografía na educación sexual da mocidade universitaria e analiza como determinados contidos poden condicionar a maneira na que se constrúen as relacións sexuais.

O traballo parte da idea de que a pornografía se converteu nas últimas décadas nunha das principais fontes de aprendizaxe sexual para moitas persoas novas, especialmente polo acceso temperán e masivo a través das novas tecnoloxías. A autora realizou observación participante e entrevistas en profundidade para estudar o impacto destes contidos nas prácticas e percepcións do estudantado universitario.

Pola súa banda, Genoveva Gundín González foi premiada na categoría de Traballo de Fin de Máster pola investigación 'Los derechos afectivos y sexuales de las mujeres mayores: un estudio piloto en una gran urbe gallega y su área metropolitana'. O estudo céntrase na sexualidade das mulleres maiores de 65 anos e analiza as barreiras sociais, culturais e educativas que condicionan o exercicio dos seus dereitos afectivo-sexuais.

A investigación, realizada cun enfoque feminista, crítico e participativo, combina técnicas cuantitativas e cualitativas para achegarse ás vivencias destas mulleres. Entre as conclusións, sinala o peso da falta de educación afectivo-sexual, dos estigmas asociados á idade e dos mandatos patriarcais no benestar e na liberdade das mulleres maiores.

O traballo de Gundín inclúe ademais unha proposta socioeducativa orientada ao empoderamento e á resignificación positiva do desexo na vellez, con metodoloxías participativas como os círculos de mulleres ou os grupos de axuda mutua.

A Valedora do Pobo convoca anualmente estes premios en colaboración coas tres universidades públicas galegas, a UDC, a USC e a Universidade de Vigo. O obxectivo é recoñecer traballos académicos que destaquen polo seu valor na defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres.

0.12031602859497