Doce encontros para achegar o Inventario de Camiños á veciñanza de Carral

O Concello de Carral activará nas vindeiras semanas unha nova vía de contacto directo coa veciñanza a través do programa 'Parroquia a parroquia. O Concello preto de ti', unha iniciativa coa que busca levar información de interese a distintos puntos do municipio e, ao mesmo tempo, escoitar de primeira man as inquedanzas dos residentes.
A proposta inclúe un total de 12 charlas informativas centradas, principalmente, na exposición do Inventario de Camiños. En cada unha das sesións ofreceranse planos e datos concretos adaptados á parroquia correspondente, ademais de explicacións sobre o procedemento para presentar alegacións.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, subliñou que o obxectivo deste programa é reforzar a proximidade institucional e mellorar a comunicación coa cidadanía. Neste sentido, sinalou que a intención do goberno local pasa por 'achegar o Concello aos veciños, explicar de primeira man os proxectos que lles afectan e escoitar as súas achegas para melloralos'.
Ademais do Inventario de Camiños, as reunións previstas en As Travesas, Sergude e Tabeaio servirán tamén para informar sobre o proxecto 'Fomento da mobilidade sostible. Proxecto de trazado dos treitos comúns no Camiño Inglés de Santiago', unha actuación que afecta de maneira directa a estas parroquias. Neses encontros tamén se detallará como formular alegacións relacionadas con esta iniciativa.
O calendario arrancará este xoves 16 de abril en O Xalo, no Local Urbanización, ás 18.00 horas. A continuación, o programa pasará por A Cabra e O Canedo o luns 20 de abril, por Beira e As Travesas o martes 21, por Sergude o mércores 22, por Barcia o xoves 23 e por Tabeaio o venres 24. A segunda semana continuará en Quembre o luns 27, San Vicente o martes 28, Cañás o mércores 29 e rematará en Carral o xoves 30 de abril, no edificio Toñito Espiñeira, ás 20.30 horas.
En todas as citas abrirase tamén un espazo para resolver preguntas e atender suxestións da veciñanza, nun formato co que o Concello pretende facer máis accesible a información pública e favorecer a participación nos asuntos que afectan ao día a día das parroquias.