Dez persoas maiores da Coruña, Arteixo e Betanzos reciben libros que recollen as súas historias de vida

Dez persoas maiores da Coruña, Arteixo, Betanzos e Gondomar teñen desde este xoves a súa vida recollida nun libro. As biografías, elaboradas por persoas voluntarias durante os últimos seis meses, entregáronse nun acto celebrado na sede da Fundación María José Jove, no marco da sétima edición do proxecto 'Tu Historia de Verdad Importa'.
A iniciativa está impulsada en Galicia polas fundacións María José Jove e Lo Que De Verdad Importa, coa colaboración da Xunta e da Fundación San Rafael. O seu obxectivo é poñer en valor as experiencias das persoas maiores e favorecer o encontro entre xeracións: os voluntarios escoitan os seus protagonistas e transforman os seus recordos e aprendizaxes nunha biografía.
Nesta edición participaron usuarios do Centro de Día Municipal de Arteixo, da Fundación Hospitalarias Betanzos e de diferentes centros residenciais da provincia e de Gondomar. As historias recollen traxectorias moi distintas, desde a de Bel, que aos 102 anos repasa máis dun século de vida, ata a de Helena de Alfonso, figura do folk que continuou cantando malia perder a visión.
Dez vidas convertidas en libros
Entre as biografías entregadas figura 'Bel en su esencia 102 años después', sobre Isabel Couto Couceiro, coñecida como Bel. Nacida en Ferrol, lembra a súa infancia durante a Guerra Civil, a súa chegada á Coruña e a súa vida familiar.
Tamén se publicou 'Ayer, con ojos de hoy', a historia de María José Hernáez Urrutia, nacida en Ferrol en 1938, que repasa a súa infancia na posguerra, a maternidade de seis fillos e unha vida marcada pola independencia e as ganas de seguir aprendendo.
Outros dos relatos son 'Dicen que no hablan las plantas...', sobre Gumersinda, coñecida como Sinda, e 'Pinceladas de mis recuerdos', dedicado a Concha Paleu Paz, nacida en Celeiro e vinculada tamén a Betanzos.
A colección inclúe ademais 'Yo soy Mili', sobre Milagros Horro Vázquez, que traballou durante décadas na praza de San Agustín da Coruña; 'Tres Duros', a historia de María García Paz, marcada pola superación de barreiras de mobilidade; e 'El mundo por montera', sobre María Teresa Pérez Nieto, coñecida como Tesi.
Completan a relación 'Jose de Pola: A lembranza', dedicado a José Luis Iglesias Pérez; 'Geografía de sonidos', tacto y aromas, sobre a cantante e investigadora de música tradicional Helena de Alfonso; e 'Estar cuando importa', a biografía de Pilar Pumar Santiago, que dedicou a súa vida profesional á protección de menores e familias vulnerables.
Un proxecto para escoitar e conservar a memoria
O acto de entrega estivo conducido polo presentador José Ramón Gayoso e contou coa participación do director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta, Antón Acevedo; a presidenta da Fundación María José Jove, Felipa Jove; e a directora xeral da Fundación Lo Que De Verdad Importa, María Franco.
Felipa Jove destacou o valor das conversas e dos recordos compartidos durante a elaboración dos libros. «Escoitar é unha forma de coidar», sinalou, ao lembrar que o proxecto tamén pretende combater a soidade a través da compañía e da atención ás persoas maiores.
Cada voluntario acompañou durante meses o seu protagonista para coñecer a súa historia e convertela nun relato escrito. Deste xeito, a iniciativa busca preservar experiencias individuais que forman parte tamén da memoria colectiva.