Desestimadas no Pleno de Culleredo as propostas do BNG para aclarar o recoñecemento de facturas pendentes

ACoruñaXa
Os nacionalistas critican que só se aplique a incorporación de remanentes ao pago de facturas irregulares, deixando fóra 1.500.000€ que poderían ir destinados a outros investimentos
Imaxe da bancada do BNG no Pleno de Culleredo
9 Ago 2024

O BNG de Culleredo informade que o Pleno Municipal de Culleredo rexeitou esta mañá de venre as propostas de emenda presentadas polo partido para solicitar, como parte do procedemento de recoñecemento extraxudicial de crédito, informe da Consellería de Facenda sobre a determinación de responsabilidades pola acumulación de 500.000 euros en facturas que foron tramitadas sen seguir a Lei de Contratos do Sector Público e sin sequera contar con crédito orzamentario.

Neste sentido, as propostas do BNG non tiveron o apoio necesario do resto de grupos da oposición para esixir responsabilidades ao goberno municipal como única vía para que esta práctica á marxe da Lei non volva ter lugar no Concello de Culleredo.

O voceiro do Grupo Municipal do BNG, Tono Chouciño, criticou que só se propuxese ao Pleno a incorporación de 500.000 euros dos remanentes do exercicio 2023, única e exclusivamente vinculados ao pago de facturas irregulares, deixando fóra outro millón e medio de euros que se poderían ter incorporado ao actual orzamento prorrogado para ser destinados a outros investimentos moi necesarios, tal e como ten ademais anunciado en numerosas ocasións o Alcalde, José Ramón Riobóo.

As facturas que até o día de hoxe estiveran gardadas nos caixóns corresponden a servizos prestados no ano 2023, ano de eleccións municipais, nos que os datos evidencian un aumento na cantidade de gastos irregulares, unha práctica habitual no Concello de Culleredo que ten sido incluso obxecto dun demoledor informe polo Consello de Contas. Non foi até hoxe que o goberno municipal decidiu presentar estas facturas para o seu recoñecemento e abono, a pesar de contar con numerosas ocasións ao longo dos últimos meses, por exemplo, tendo presentado un orzamento actualizado para o ano 2024 que recoñecese estes gastos irregulares.

Mais a proposta de acordo presentada polo goberno municipal non incluía ningunha medida de depuración de responsabilidades. Pola contra, os informes asinados polo Alcalde e outros catro concelleiros e concelleiras do goberno municipal para motivar o pago destas facturas non ofrecen explicación algunha dos motivos que levaron á contratación de ditos servizos sen seguir os procedementos marcados pola Lei e sen sequera contar con crédito suficiente para o seu pago. As emendas propostas polo BNG procuraban aclarar que se fixo contrario á Lei, quen tomou as decisións de facelo de xeito contrario ás normas e que consecuencias deben ter estes actos. Mais, sorpresivamente, os grupos municipais do Partido Popular e de Alternativa dos Veciños non apoiaron as propostas do BNG para aclarar a situación e requirir unha depuración de responsabilidades por parte do goberno municipal.

Dende, o BNG recoñecen o dereito das empresas e autónomos/as que prestaron estes servizos ao cobro das cantidades adebedadas, mais tamén o dereito de toda a veciñanza cullerdense a ter a seguridade de que os gastos recadados a través dos seus impostos se executen conforme á lei e con total transparencia. É por este motivo que o BNG de Culleredo votou esta mañá en contra do recoñecemento extraxudicial de crédito proposto polo goberno municipal ao non incluir as emendas propostas para asegurar unha depuración de responsabilidades que impida que a situación se repita no futuro.

 

0.19439911842346