Danza 10 e Tribo gañan os XXVII Premios Emprende Coruña, que reuniron catorce proxectos empresariais

ACoruñaXa
A gala, celebrada onte no Club Cámara Noroeste, recoñeceu iniciativas vinculadas á innovación, a tecnoloxía e o benestar social e distinguiu o empresario Daniel Ramos Lobón como Padriño de Honra
A CORUÑA premios emprende
13 Nov 2026

O talento emprendedor da provincia da Coruña reuniuse este xoves, 12 de novembro, na gala da XXVII edición do Premio Emprende Coruña, organizada por AJE Coruña e AJE Galicia no Club Cámara Noroeste. O certame contou con catorce empresas finalistas, con propostas relacionadas con ámbitos como a intelixencia artificial, a inclusión social, a saúde, a cultura, a agricultura, a alimentación e a sustentabilidade.

Nesta edición, o Premio Iniciativa Empresarial recaeu en Danza 10, mentres que Tribo obtivo o Premio Iniciativa Emprendedora. Os accésits á Innovación, á Creación de Emprego e á Responsabilidade Social Corporativa foron para Pan de Juevo, Yakart e Atlántica Inclusión, respectivamente.

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na entrega do Premio Iniciativa Empresarial xunto coa presidenta de AJE Coruña, Eva Rosende, e foi a encargada de clausurar o encontro. Durante a súa intervención, puxo o foco na importancia de apoiar as persoas emprendedoras, reter talento e crear emprego de calidade, para que as novas xeracións poidan desenvolver os seus proxectos profesionais na cidade.

Rey tamén destacou o papel do emprendemento e da innovación no desenvolvemento económico local, nun contexto no que A Coruña conta con iniciativas como a Cidade das TIC e a implantación da Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA). O Concello dispón, ademais, dunha rede de Centros Municipais de Empresas para acompañar os novos proxectos. Entre eles figura Accede Papagaio, que cumpriu este ano dez anos de actividade e polo que pasaron preto de setenta iniciativas empresariais.

Segundo os datos municipais, nos últimos anos o Goberno local captou máis de oito millóns de euros para programas de emprego e formación que facilitaron o acceso ao mercado laboral de máis de 1.600 persoas. A alcaldesa defendeu que o crecemento económico debe ir acompañado de progreso social e de oportunidades para o conxunto da cidadanía.

A gala incluíu tamén o recoñecemento á traxectoria de Daniel Ramos Lobón, distinguido como Padriño de Honra desta edición. Vinculado ao sector das novas tecnoloxías, presidiu AJE Coruña cando a entidade se denominaba Asociación de Jóvenes Empresarios Marineda e foi un dos fundadores de AJE Galicia. Tamén formou parte do Consello de Administración do Real Club Deportivo da Coruña.

No acto participaron, ademais, a secretaria xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta, Susana Pérez Iglesias, e a deputada provincial Rosa Ana García López. Pérez Iglesias destacou a colaboración entre a Administración autonómica e AJE para impulsar o traballo por conta propia e referiuse á rede Ultreia Galicia, da que forma parte a asociación, e á Rede de polos de emprendemento, que conta con quince centros de asesoramento gratuíto e personalizado en Galicia.

0.15332412719727