Curtis ofrece axudas de ata 300 euros por nacemento ou adopción de fillos

ACoruñaXa
As familias poderán solicitar estas achegas municipais ata o 1 de decembro, cun orzamento total de 10.500 euros para fomentar a natalidade e fixar poboación no municipio
CONCELLO CURTIS
Actualizada el 15 octubre 2026, 05:10 horas
14 Oct 2026

As familias de Curtis que tivesen ou adoptasen fillos entre o 16 de novembro de 2025 e o 15 de novembro de 2026 poderán solicitar desde este mércores, 14 de outubro, as axudas municipais de fomento da natalidade, cunha contía de ata 300 euros por beneficiario. O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o 1 de decembro de 2026.

O Concello reserva un orzamento total de 10.500 euros para esta convocatoria, coa que pretende apoiar economicamente as familias, incentivar os nacementos e contribuír a fixar poboación no municipio. Se o número de solicitudes supera os fondos dispoñibles, o importe repartirase de forma igualitaria entre todas as persoas beneficiarias.

O alcalde de Curtis, Javier Caínzos, destacou que a iniciativa busca avanzar na loita contra a despoboación rural e favorecer que os nenos e nenas poidan medrar no municipio. O rexedor tamén incidiu na importancia de complementar os servizos públicos municipais de conciliación e educación cun apoio económico ás familias ante os gastos que implica ter un fillo.

Para acceder ás axudas, polo menos un dos proxenitores deberá estar empadroado en Curtis no momento do nacemento ou da adopción. Tanto a persoa proxenitora como o menor deberán manter o empadroamento durante un mínimo de cinco anos, e o neno ou nena terá que convivir coa persoa solicitante. No caso das adopcións, a idade máxima do menor será de dez anos.

As persoas solicitantes tamén deberán estar ao corrente das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como dos pagos pendentes coa Deputación e co Concello.

As solicitudes poderán presentarse na Casa do Concello de Teixeiro, nas oficinas municipais de Curtis ou a través da sede electrónica municipal. Será necesario achegar a documentación recollida nas bases, incluído o DNI e o libro de familia ou a certificación literal de nacemento. O certificado de convivencia será incorporado directamente polo Concello.

Estas achegas serán compatibles con outras subvencións concedidas para a mesma finalidade por organismos públicos. As bases completas e o modelo de solicitude están dispoñibles no taboleiro de anuncios da sede electrónica do Concello de Curtis.

0.14704084396362