Curtis estrea os galardóns 'Sementes de Igualdade' para recoñecer o compromiso cunha sociedade máis xusta

O Concello de Curtis dará este sábado un novo paso no seu compromiso coa equidade coa creación dos galardóns 'Sementes de Igualdade' 2026, un distintivo co que busca visibilizar e recoñecer persoas que destacan polo seu traballo a favor dunha sociedade máis xusta e igualitaria.
Nesta primeira edición, o recoñecemento recaerá en José Ángel Vázquez Yáñez, director do C.P. de Teixeiro, polo seu impulso continuado ao programa de empoderamento 'Ser Muller', e en Ana Rodríguez Piorno, xuíza do Xulgado de Betanzos, pola súa sensibilidade e pola súa práctica profesional na protección de mulleres e menores vítimas de violencia.
Desde o Concello salientan que ambos representan dúas traxectorias exemplares, ligadas á defensa da igualdade desde ámbitos diferentes pero complementarios, como son o educativo e o xudicial. Coa creación destes premios, o goberno local quere poñer en valor iniciativas e perfís que contribúen a sementar futuro no municipio.
A entrega dos galardóns celebrarase o sábado 25 de abril ás 12.00 horas no Edificio de Usos Múltiples de Teixeiro. O acto será aberto a toda a veciñanza, nunha convocatoria coa que o Concello quere facer partícipe á cidadanía dun recoñecemento que nace con vocación de continuidade.