Curtis e a Xunta invisten cerca de 120.000 euros en obras e equipamentos municipais

ACoruñaXa
A directora de Administración Local, Natalia Prieto, visitou a localidade para comprobar as actuacións feitas ao amparo de distintas liñas de apoio promovidas dende a Xunta de Galicia como o equipamento integral da oficina municipal no Recinto Feiral de Curtis
Imaxe a visita da directora de Administración Local, Natalia Prieto ao Concello de Curtis
Imaxe a visita da directora de Administración Local, Natalia Prieto ao Concello de Curtis
6 mar 2024

A directora de Administración Local, Natalia Prieto, visitou este martes 5 de marzo o municipio de Curtis acompañada polo alcalde, Javier Caínzos; o tenente de alcalde, Iván Maques; o concelleiro de Obras e Servizos, Emilio Souto e a concelleira de Benestar Social e Igualdade Eva Lata, para comprobar as melloras realizadas no marco de diferentes liñas de apoio da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia.

Os proxectos supoñen unha inversión global de preto de 120.000 euros dos cales a Xunta financiou
99.131 euros e o Concello de Curtis 18.606 euros.

Dentro das accións postas en marcha destaca a actuación de equipamento integral da oficina municipal sita no Recinto Feiral de Curtis cunha inversión de 51.480 euros onde se instalou unha nova tarima no salón, un loof e dous despachos para que o persoal técnico poida prestar mellores servizos e atención aos veciños. Búscase así mellorar o confort dunhas instalacións que albergan diferentes espazos e áreas de atención á cidadanía.

Ademais, Natalia Prieto puido comprobar a maquinaria adquirida a través do Fondo de Compensación Ambiental e do fondo adicional do Fondo de Cooperación Local cos que se realizou a adquisición dun vehículo (Dumper) destinado á protección, conservación e mantemento do medio natural e obras. A inversión total para esta compra foi de 34.485 euros e dúas trituradoras e un perforador para a Área de Obras e Medio Ambiente cun orzamento total de 31.772 euros.

As actuacións e adquisicións comprobadas na visita representan o conxunto de iniciativas executadas o pasado ano polo Concello de Curtis coas axudas específicas de apoio ao eido local da Administración autonómica. Xunto coas de anos anteriores, o investimento do Goberno galego nas melloras en infraestruturas e servizos municipais nesta localidade supera os 2 millóns euros.