Curtis acolle a fin de semana a IV Feira de Exposición Playmobil que recrea os 17 municipios da Reserva de Biosfera

ACoruñaXa
A mostra busca sensibilizar sobre o valor natural e cultural de Mariñas Coruñesas a través de dioramas de Playmobil
Presentación de IV Feira de Exposición Playmobil
29 Out 2024

Este venres inaugúrase a IV Feira de Exposición Playmobil no Recinto Feiral de Curtis, unha edición que este ano representa os 17 municipios da Reserva de Biosfera Mariñas Coruñesas. A exposición é organizada pola propia Reserva de Biosfera e o Concello de Curtis, co apoio da área de Turismo da Deputación da Coruña e Turismo de Galicia.

O evento foi presentado hoxe no Recinto Feiral de Curtis coa presenza de José Antonio Santiso, presidente de Mariñas Coruñesas; Javier Caínzos, alcalde de Curtis; Carmen Pita, directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia; Diego López, xerente do PSTD da Reserva de Biosfera;  Iván Maques, edil de Medio Ambiente do Concello de Curtis e José Manuel Muíño, presidente da Asociación Playmobil Galicia. A entrada será gratuíta e estará aberta do 1 ao 3 de novembro, de 11:00 a 20:00 horas o venres e sábado, e de 11:00 a 19:30 horas o domingo.

José Antonio Santiso destacou que esta edición é especial ao “recrear por primeira vez o territorio da Reserva de Biosfera ao completo, mostrando os 17 concellos que integran Mariñas Coruñesas”. Javier Caínzos, alcalde de Curtis, subliñou a importancia da colaboración entre institucións para facer realidade estes proxectos, que atraen visitantes de Galicia e do norte de España. Carmen Pita engadiu que esta iniciativa está aliñada coa estratexia de Turismo 2030 de Galicia, enfocada en sustentabilidade e na promoción de recursos locais durante a tempada baixa.

A feira contará con oito dioramas variados e un diorama principal que representará a Reserva de Biosfera nos seus 24 metros cadrados, mostrando elementos distintivos de cada un dos municipios.

0.18259882926941