Curtis abre un inventario de danos pola forte saraibada que golpeou Teixeiro

O Concello de Curtis iniciou a elaboración dun inventario oficial de danos tras a forte saraibada rexistrada o 24 de xuño en Teixeiro e nas aldeas limítrofes. O obxectivo é recompilar a información necesaria para coordinar e tramitar posibles axudas destinadas ás persoas afectadas.
A intensa caída de saraiba provocou danos en cubertas de vivendas, edificios, vehículos, ventás, hortas e cultivos, polo que o Concello solicita á veciñanza que comunique os desperfectos coa maior brevidade posible.
As persoas afectadas deberán achegar os seus datos persoais, a dirección exacta da vivenda, finca ou lugar no que se atopaba o vehículo, unha descrición dos bens danados e fotografías claras que permitan acreditar os estragos ocasionados pola tormenta.
A documentación poderá presentarse de forma presencial no Rexistro do Concello, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 horas. Tamén se poderá tramitar a través da sede electrónica municipal ou mediante o correo electrónico concellocurtis@gmail.com.
O prazo para comunicar os danos permanecerá aberto ata o 8 de xullo. Desde o Concello recomendan non tirar nin reparar nada de forma definitiva antes de facer fotografías dos desperfectos. No caso de contar cun seguro privado, aconsellan dar parte á compañía canto antes e indicar que tamén se rexistrará a incidencia no inventario municipal.