Curtis abre as inscricións para unha nova edición do Día da Bici, que se celebrará o 8 de agosto

ACoruñaXa
A ruta partirá de Teixeiro e Curtis ata San Roque de Xabriño e rematará con avituallamento, sorteo dunha bicicleta e entrega de trofeos
A CORUÑA bicicleta
1 Jul 2026

O Concello de Curtis xa ten en marcha os preparativos dunha nova edición do Día da Bici, unha cita deportiva e familiar que se celebrará o sábado 8 de agosto e que volverá reunir a veciñanza para promover hábitos saudables e desfrutar da contorna natural do municipio sobre dúas rodas.

A marcha partirá ás 10.00 horas desde dous puntos diferentes para facilitar a participación. As persoas inscritas poderán iniciar o percorrido desde a Praza do Concello de Teixeiro ou desde o pavillón municipal de Curtis. Ambas as rutas confluirán en San Roque de Xabriño, onde está prevista a chegada arredor das 10.30 horas.

O percorrido, duns 30 minutos de duración, está pensado para que poidan participar persoas de diferentes idades e niveis, sempre cumprindo as normas establecidas pola organización. O uso do casco será obrigatorio durante toda a actividade.

Ao remate da ruta haberá avituallamento para todas as persoas participantes e celebrarase o sorteo dunha bicicleta de montaña. Ademais, entregaranse trofeos ao participante máis novo, ao máis veterano, á bicicleta máis orixinal e ao grupo ciclista máis numeroso.

As inscricións permanecerán abertas ata o martes 4 de agosto ás 14.00 horas. As persoas interesadas poden formalizar a súa participación nas dependencias municipais ou chamando aos teléfonos 981 789 003 e 981 777 105.

0.1342408657074