O Goberno de Culleredo reprocha ao PP que critique a falta de investimentos en Fonteculler tras non apoiar o seu financiamento

ACoruñaXa
O Goberno municipal defende que a licitación da transformación integral da avenida, por preto de 827.000 euros, evidencia a diferenza entre as críticas do Partido Popular e a súa posición no pleno
Casa do Concello de Culleredo
15 Aug 2026

O Goberno municipal de Culleredo considera que a licitación da transformación integral da avenida de Fonteculler contradí as críticas formuladas nos últimos meses polo Partido Popular sobre a suposta falta de investimentos nesta zona. O Executivo local sostén que o PP non apoiou no pleno os recursos económicos necesarios para levar a cabo as actuacións que agora se poñen en marcha.

Segundo explica o Concello, durante os últimos meses o Partido Popular reclamou publicamente intervencións en Fonteculler e cuestionou a xestión do Goberno local. Porén, sinala que cando se someteron a votación os recursos necesarios para financiar estas actuacións, o grupo popular foi o único que non apoiou os investimentos.

O Goberno municipal pon como principal exemplo a transformación da avenida de Fonteculler. A actuación conta cunha dotación de 826.998,49 euros, unha cantidade cuxa dispoñibilidade tivo que ser aprobada previamente polo pleno municipal para poder sacar posteriormente o proxecto a licitación.

Para o Executivo local, a posición do PP supón “unha demagoxia burda”, ao reclamar actuacións na vía pública mentres non apoia no pleno o financiamento necesario para executalas. “Queda en evidencia ao denunciar que non se actúa en Fonteculler e, cando se leva o financiamento necesario para actuar, mirar para outro lado”, lamenta o equipo de goberno.

A intervención prevista permitirá renovar de forma integral preto de 860 metros da principal vía de Fonteculler. Os traballos contemplan actuacións sobre as beirarrúas e a accesibilidade, así como a renovación dos pasos peonís, a iluminación, a arborización, o mobiliario urbano e as redes de servizos.

O Concello sinala ademais que a actuación da avenida de Fonteculler se enmarca nunha planificación máis ampla para continuar mellorando esta zona do municipio. Dentro dela atópanse tamén a renovación integral da praza Castelao e a modernización das Brañas, onde está prevista a mellora do parque infantil e a creación dunha pista deportiva.

O Goberno municipal considera especialmente relevante que as críticas sobre un suposto abandono de Fonteculler procedan, segundo sinala, dun grupo que non apoiou estes investimentos cando foron levados ao pleno para a súa aprobación. “Un pode discrepar do goberno, fiscalizar e criticar, porque é lexítimo. Pero o que non é serio é pedir investimentos diante dos veciños e tratar de bloquealos cando chegan ao pleno”, sinalan fontes do Goberno local, que cualifican este feito de “pura demagoxia”.

O Executivo municipal asegura que manterá a súa folla de ruta para a mellora de Fonteculler e defende que “ao final, os feitos poñen a cada un no seu sitio”.

0.12604403495789