Culleredo rende homenaxe á muller rural con música tradicional, artesanía e comida popular

ACoruñaXa
A cita, organizada polo Concello coa colaboración da asociación As Berenguelas, contou coas actuacións de Pan Sen Fron, Xilbatuxeiras, Larpeiros de Altamira e Cantares dos Pendellos
homenaxe-muller-rural-culleredo
17 Oct 2026

O parque da Torre de Celas acolleu este sábado a celebración do Día da Muller Rural, unha xornada de homenaxe ás mulleres do rural cullerdense. A iniciativa, organizada polo Concello de Culleredo coa colaboración da asociación As Berenguelas, combinou música tradicional, artesanía e gastronomía.

O programa arrincou ás 13:00 horas coas actuacións de Pan Sen Fron, Xilbatuxeiras, Larpeiros de Altamira e Cantares dos Pendellos. Tras elas, a música continuou cunha foliada libre aberta á participación do público.

Os postos de artesanía completaron a proposta, mentres que a comida popular reuniu veciños e veciñas arredor dun menú de paella, empanadilla e tarta de Santiago. O recinto cuberto habilitado no parque permitiu gozar da xornada con comodidade.

O alcalde, José Ramón Rioboo, asistiu á celebración e puxo en valor a achega das mulleres ao rural do municipio. «As mulleres rurais foron e seguen a ser o alicerce, unha parte sen a que as nosas parroquias e o noso rural non se poden entender. Esta xornada é unha homenaxe ao seu traballo, que moitas veces é invisible, e ao seu compromiso coa nosa cultura e as nosas tradicións», afirmou.

O rexedor agradeceu a implicación da asociación As Berenguelas e dos grupos participantes. «Queremos un rural vivo, con futuro e con oportunidades, e se iso é posible só é grazas ás mulleres que o sosteñen día a día», subliñou. Con esta iniciativa, o Concello súmase á conmemoración do Día Internacional das Mulleres Rurais, celebrado este 15 de outubro.

0.14966201782227