Culleredo pecha con éxito os campamentos de verán 'Mañás de Campamento', cunha participación de 456 cativos

ACoruñaXa
No programa ‘Mañás de campamento’ levaron a cabo actividades tanto de lecer como educativas para nenas e nenos de 3 a 12 anos
Imaxe do campamento de verán de Culleredo
31 Ago 2024

O Concello de Culleredo clausurou este venres a edición 2024 dos campamentos de verán 'Mañás de Campamento', unha iniciativa destinada a favorecer a conciliación das familias do municipio. Durante o verán, un total de 456 nenos e nenas de entre 3 e 12 anos participaron en diversas actividades lúdicas e educativas, organizadas en seis quendas desde o mes de xullo.

O programa, que se desenvolveu principalmente nos centros CEIP Plurilingüe Vila de Rutis e CEIP Plurilingüe Sofía Casanova, proporcionou unha atención de ata 8,5 horas diarias, cubrindo a necesidade de conciliación das familias durante os meses estivais. As actividades ofrecidas abordaron temas como a saúde, a intelixencia emocional, a interculturalidade e o coidado do medio ambiente, incluíndo tamén excursións como a visita a Santiago de Compostela e actividades no Xardín Botánico de O Burgo, onde se celebrou a clausura.

A tenente de alcalde e concelleira de Educación, Cristina Pardo, acompañou aos pequenos nesta última xornada, desexándolles un “feliz inicio de curso escolar” e destacando a importancia de aprender divertíndose. A edición deste ano centrouse na figura de mulleres destacadas do municipio, como Sofía Casanova e Virginia Blanco, poñendo en valor a relevancia destas personalidades na historia de Culleredo.

0.15780115127563