Culleredo organiza unha nova edición do programa de cociña para activos 'Cullerchef'

ACoruñaXa
As inscricións para o 'Cullerchef' poderán formalizarse do 1 ao 4 de abril a través dun formulario web
Imaxe dunha edición anterior do 'Cullerchef'
Imaxe dunha edición anterior do 'Cullerchef'
2 abr 2024

O Concello de Culleredo organiza unha vez máis un dos seus programas para nenas e nenos do municipio con máis éxito nos últimos anos: o ‘Cullerchef’, un taller de cociña saudable para menores de 6 a 12 anos.

As inscricións poderán formalizarse desde hoxe luns 1 ao xoves 4 de abril a través dun formulario web. Haberá dispoñibles 30 prazas e a actividade celebrarase no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo todos os martes desde o 9 de abril ao 18 de xuño.

O programa contará con dous grupos, de 15 persoas cada un, e os horarios serán de 17.00 a 18.30 horas para o primeiro, e de 19.00 a 20.30 horas para o segundo. As prazas cubriranse por orde de inscrición e con preferencia para as empadroadas e empadroados no Concello de Culleredo.

O ‘Cullerchef’ naceu no ano 2018 cun obxectivo claro: achegarlles ferramentas aos máis pequenos e pequenas para aprender a cociñar dunha maneira sa, axudándolles a diferenciar que produtos son os de mellor achega nutricional, á vez que se divirten elaborando as súas creacións.

Durante o confinamento, a Administración local quixo darlle continuidade ao ‘Cullerchef’ mediante vídeos nos que a profesora responsable do programa explicáballes ás nenas e nenos do municipio unha receita cada semana.