Culleredo licita por máis de 266.000 euros a mellora da seguridade viaria nos accesos ao IES Eduardo Blanco Amor

ACoruñaXa
O proxecto renovará a rúa Condes de Andrade e o acceso ao centro educativo con novas beirarrúas, iluminación LED, pasos sobreelevados e melloras nas redes de servizos
rua-condes-de-andrade-culleredo
25 Jul 2026

O Concello de Culleredo sacou a licitación as obras de mellora da seguridade viaria na contorna do IES Eduardo Blanco Amor, en Cordeda, cun investimento de 266.591,64 euros. A actuación estará cofinanciada pola Deputación da Coruña a través do Plan Único e permitirá renovar tanto a rúa Condes de Andrade, que comunica Cordeda con Vilaboa, como o ramal de acceso ao centro educativo.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, explicou que “o obxectivo será tanto aumentar a seguridade viaria nunha contorna prioritaria como mellorar as prestacións dunha rúa residencial moi empregada”.

O proxecto contempla a creación dun itinerario peonil máis seguro, ampliando as beirarrúas nos puntos onde actualmente teñen menos de dous metros de ancho e habilitando novas zonas para peóns no tramo que ata agora só dispón de arcén transitable. Tamén se incrementará o tamaño das prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida.

As actuacións incluirán a renovación do firme da calzada e das beirarrúas que presentan desperfectos ou desniveis, así como a construción de pasos de peóns sobreelevados, que contarán ademais cun sistema de iluminación específico para reforzar a seguridade das persoas viandantes.

O rexedor sinalou que esta reforma “manterá a liña que estamos seguindo nos numerosos proxectos de rexeneración urbana ao longo do municipio”. Neste sentido, a intervención incorporará novo mobiliario urbano, plantación de árbores e arbustos e materiais deseñados para ofrecer unha maior durabilidade e integración estética.

No apartado dos servizos, o Concello modernizará a iluminación pública coa instalación de tecnoloxía LED, ampliará as redes de recollida de augas pluviais e de saneamento e renovará a sinalización viaria, advertindo aos condutores de que se atopan nunha contorna escolar.

Esta actuación dará continuidade ás melloras executadas anteriormente no tramo superior da rúa Condes de Andrade, na entrada ao parque da Laboral. Ademais, o Concello ten actualmente en fase de contratación as obras de renovación da rúa Domingo Sierra, entre o cruzamento con Condes de Andrade e a praza da Igrexa de Vilaboa.

0.12212109565735