Culleredo iniciou encontros cos grupos políticos e asociacións para deseñar a súa Axenda Urbana

ACoruñaXa
O Concello busca un plan consensuado e realista que guíe as súas actuacións ata o ano 2030, en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Imaxe das reunións en Culleredo
16 sep 2024

O Concello de Culleredo comezou o proceso de elaboración da súa Axenda Urbana, un plan estratéxico que definirá as accións prioritarias e obxectivos municipais ata o ano 2030. Este proxecto, denominado "CulleredoVivo Vive", dá continuidade á anterior Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado (EDUSI) CulleredoVivo, coa que tamén se busca optar a financiamento europeo.

Para acadar un documento adaptado ás necesidades do municipio, o Concello promove unha serie de reunións entre a consultora encargada dos traballos e os diferentes grupos políticos e asociacións locais. O venres 13 de setembro xa tiveron lugar os primeiros encontros co grupo de goberno, e nas próximas semanas continuarase coas reunións cos tres grupos da oposición.

O martes 24 de setembro será o turno das asociacións do municipio, que están convocadas no Edificio de Servizos Múltiples. Ademais, a consultora tamén se reunirá co persoal técnico de cada departamento do Concello para analizar a situación desde unha perspectiva técnica.

A finalidade destas xuntanzas é contrastar o estudo previo elaborado pola consultora, que se basea en documentos de planificación existentes como o Plan de Mobilidade, o PXOM e a EDUSI, coas prioridades transmitidas polos axentes implicados. O obxectivo final é establecer unha folla de ruta realista que marque o camiño cara a un desenvolvemento sostible no ámbito ambiental, económico e social.

O alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo, fai un chamamento á cidadanía para que participe activamente no proceso, subliñando a importancia de conseguir un consenso amplo. Para iso, anima aos veciños a completar a enquisa dispoñible na web municipal. “Queremos un Culleredo de futuro que responda ás necesidades reais da veciñanza”, declarou Rioboo, quen tamén destacou que a Unión Europea prioriza proxectos con forte consenso social e viables para o ano 2030.

O Plan de Acción resultante será a ferramenta que permitirá ao Concello implementar as medidas establecidas na Axenda Urbana, promovendo a mellora do territorio, a conservación dos recursos naturais e a posta en valor do patrimonio local.

0.1433219909668