Culleredo impulsará accións para promover o acollemento familiar de menores en colaboración con Acougo

ACoruñaXa
O Concello e a Asociación Galega de Familias de Acollida prepararán un convenio para reforzar a información, a formación e a sensibilización sobre esta realidade
reunion-culleredo-acougo
24 Jul 2026

O Concello de Culleredo dará un novo paso no seu apoio ao acollemento familiar de menores mediante unha colaboración coa Asociación Galega de Familias de Acollida (Acougo). A concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, mantivo un encontro con Carmen Dourado e Mónica Permuy, representantes da entidade, no que ambas as partes acordaron traballar na elaboración dun convenio de colaboración.

O futuro acordo terá como principais obxectivos impulsar accións de información sobre o acollemento familiar, promover actividades formativas nesta materia e desenvolver iniciativas de sensibilización social para dar a coñecer esta realidade entre a cidadanía.

Segundo os datos achegados, en Galicia son máis dun milleiro os menores que viven actualmente con familias acolledoras. A través desta colaboración, o Concello de Culleredo pretende apoiar o labor que desenvolven estas familias e reforzar o seu compromiso co benestar social e coa protección da infancia.

0.11762499809265