Culleredo destina 670.000 euros á mellora urbana en Vilaboa e A Corveira e rexeita a protección do Pazo dos Serrano

ACoruñaXa
As obras en Vilaboa e A Corveira financiaranse co POS Adicional da Deputación, mentres que o PSOE rexeita a proposta do BNG para preservar o Pazo dos Serrano
Imaxe do pleno de Culleredo
13 sep 2024

O Concello de Culleredo aprobou en pleno unha inversión de 670.000 euros destinada á mellora de infraestruturas en Vilaboa e A Corveira, actuacións financiadas a través do POS Adicional da Deputación da Coruña. As obras inclúen a rehabilitación da rúa Domingo Sierra en Vilaboa, con 336.414,05 euros, e a remodelación da avenida de A Corveira e das rúas Pablo Neruda e Antón Losada Diéguez, cun orzamento de 139.587,57 euros.

En Vilaboa, a segunda fase da renovación da rúa Domingo Sierra abarcará o tramo entre Condes de Andrade e a glorieta da fonte de Vilaboa. A intervención contempla o asfaltado, a mellora de beirarrúas para garantir accesibilidade, instalación de iluminación LED e a creación de zonas verdes e mobiliario urbano. Estas actuacións darán continuidade á primeira fase, iniciada en xaneiro, elevando o investimento total en Domingo Sierra a máis de 865.000 euros.

Por outra banda, en A Corveira, as obras incluirán a mellora do firme, nova sinalización, instalación de iluminación LED e a ampliación da rede de recollida de pluviais, co obxectivo de mellorar as condicións do núcleo antigo da zona.

Malia o apoio unánime ás actuacións urbanísticas, o pleno tamén estivo marcado pola rexeita da moción presentada polo BNG para protexer o Pazo dos Serrano en Vilaboa fronte á especulación inmobiliaria. O grupo socialista, co apoio da abstención do Partido Popular, impediu a aprobación da proposta que solicitaba a protección do conxunto patrimonial e o seu destino a un parque público.

A moción do BNG, que contou cos votos favorables de Alternativa dos Veciños, incluía unha emenda para engadir os preceptivos informes de viabilidade xurídica, pero non foi suficiente para superar os sete votos en contra do PSOE. Segundo o BNG, a abstención do PP facilitou que o goberno municipal avanzase co Plan Especial de Reforma Interior (PERI) que permitirá a urbanización dos terreos do Pazo dos Serrano, en contradición co previsto no PXOM de 2013, que protexía o espazo para usos públicos.

O PERI, aprobado inicialmente en decembro de 2023, contempla a edificación nos terreos que ocupan o conxunto histórico do Pazo, formado por unha residencia, unha capela e unha árbore senlleira catalogada pola Xunta de Galicia. Tanto o BNG como diversas normativas legais, como a Lei de Patrimonio Cultural de Galicia e a Lei de Protección dos Camiños de Santiago, coinciden na importancia de preservar este espazo, que representa unha parte esencial do núcleo histórico do Souto, en Vilaboa.

0.20350503921509