Culleredo cambia o nome da rúa Sanjurjo de Carricarte por Párroco José Ferreiro

ACoruñaXa
O pleno aprobou a modificación tras aceptar unha proposta veciñal para recoñecer o papel do sacerdote na parroquia do Burgo
CULLEREDO rua sanjurjo de carricarte
26 Nov 2026

A rúa Sanjurjo de Carricarte, situada no Burgo, pasará a denominarse Párroco José Ferreiro despois de que o pleno do Concello de Culleredo aprobase este cambio. A nova denominación responde a unha alegación presentada por unha veciña durante o período de exposición pública do acordo inicial, que propoñía chamala 'Crego Xosé Ferreiro'.

A modificación busca recoller de maneira máis precisa o papel que tivo José Ferreiro na comunidade do Burgo. A residente que presentou a proposta consideraba que o termo 'párroco' reflectía mellor a súa vinculación coa parroquia e o seu labor entre a veciñanza. Tamén sinalou que o seu nome era José, e non Xosé, como figuraba na denominación inicial. O goberno local aceptou ambas as consideracións.

O cambio enmárcase no expediente municipal para retirar honras e referencias públicas a persoas vinculadas directamente co franquismo. A denominación anterior homenaxeaba a Eduardo Sanjurjo de Carricarte, que participou na Guerra Civil en apoio dos sublevados e formou parte de varios tribunais militares durante a represión franquista. Entre eles, o consello de guerra sumarísimo celebrado o 30 de xullo de 1947, no que foron procesadas 56 persoas, algunhas veciñas de Culleredo. Tamén foi alcalde da Coruña entre 1963 e 1965 e ocupou distintos cargos durante a ditadura.

O alcalde, José Ramón Rioboo, defendeu que a medida responde á necesidade de que 'os valores democráticos prevalezan sobre a represión'. Tamén destacou que o novo nome permitirá recoñecer a traxectoria de José Ferreiro, lembrado polo seu traballo en favor das persoas máis desfavorecidas e pola súa defensa da lingua e do patrimonio cultural de Galicia.

O punto saíu adiante cos votos favorables do PSOE e Alternativa, mentres que o PP e o BNG se abstiveron. Rioboo agradeceu a implicación veciñal no proceso e sinalou que o cambio busca que unha das principais rúas do Burgo represente os principios de liberdade e reparación da memoria colectiva.

Outros cambios no rueiro e retirada de honras

A modificación súmase a outras medidas adoptadas polo Concello dentro do mesmo proceso de revisión de recoñecementos vinculados á ditadura. Este ano tamén se retirou o nome de Alcalde Narciso Pardo a unha rúa do núcleo de Liñares. Tras consultar coa veciñanza, optouse por recuperar o topónimo local O Souto de Liñares.

Narciso Pardo Veira foi dirixente provincial da organización falanxista encargada de controlar labregos e gandeiros. Ademais, o Concello anulou os acordos polos que se concedera o título de fillo adoptivo a Ricardo Catoira Garaboa, en 1955, e a Diego Salas Pombo, en 1945.

Catoira foi colaborador de Francisco Franco durante a Guerra Civil, mentres que Salas ocupou distintos cargos relevantes durante a ditadura, entre eles os de gobernador civil e procurador nas Cortes franquistas.

0.19146394729614