Culleredo anima a facer exercicio ao aire libre cunha nova edición de 'Verán Movidiño'

O Concello de Culleredo porá en marcha o vindeiro luns, 20 de xullo, unha nova edición de 'Verán Movidiño', un programa de actividades físicas ao aire libre dirixido á poboación adulta co obxectivo de fomentar hábitos de vida saudables e promover o exercicio durante os meses de verán.
A iniciativa desenvolverase ata setembro e ofrecerá sesións gratuítas impartidas por profesionais tanto na zona urbana como na rural do municipio. Non será necesaria inscrición previa, xa que abondará con achegarse ao lugar da actividade uns minutos antes do seu comezo.
As clases, dunha hora de duración, celebraranse os luns na praza das Brañas de Fonteculler (10.00 horas) e no parque da Torre de Celas (11.30 horas). Os martes será a quenda de Castelo (10.00 horas) e Sésamo (11.30 horas).
Os mércores, as actividades terán lugar no Centro Social O Noso Lar de Tarrío (10.00 horas) e no Centro Social de Sueiro (11.30 horas). Por último, os venres desenvolveranse no parque biosaudable do Burgo (10.00 horas) e no parque de Vila Melania, en Vilaboa (11.30 horas).
O programa busca axudar ás persoas participantes a adquirir patróns de movemento saudables aplicables á vida cotiá, ademais de traballar aspectos como os estiramentos, a relaxación e a práctica segura do exercicio físico. Así mesmo, permitirá coñecer distintas disciplinas deportivas e favorecer a socialización entre as persoas asistentes.
Con esta iniciativa, o Concello de Culleredo volve apostar pola promoción da saúde física e mental mediante a práctica de actividade física ao aire libre e de acceso gratuíto para toda a cidadanía adulta.