Culleredo adxudica por 303.000 euros a segunda fase da reforma da rúa Domingo Sierra

O Concello de Culleredo adxudicou por 303.030,88 euros a segunda fase da reforma da rúa Domingo Sierra, no centro de Vilaboa, unha actuación cofinanciada pola Deputación da Coruña que dará continuidade aos traballos executados nesta vía durante este ano.
As obras desenvolveranse no tramo comprendido entre a rúa Condes de Andrade e a glorieta da fonte de Vilaboa, ademais de incluír unha parte da rúa Alejandro Pérez Lugín. A intervención contempla o asfaltado da calzada e a renovación das beirarrúas para mellorar a accesibilidade.
O proxecto tamén incorpora novas medidas destinadas a reforzar a seguridade viaria, como sinalización, iluminación LED e sistemas específicos de iluminación nos pasos de peóns. Nos accesos aos garaxes empregaranse baldosas reforzadas para garantir unha maior resistencia.
A actuación completarase coa instalación de novo mobiliario urbano e a creación de zonas verdes mediante a plantación de árbores autóctonas.
O alcalde, José Ramón Rioboo, destacou que esta intervención permitirá continuar coa transformación urbana de Vilaboa, iniciada na avenida principal e estendida posteriormente ás rúas da contorna. No caso de Domingo Sierra, lembrou que a vía soportou provisionalmente un maior volume de tráfico durante as obras da avenida, motivo polo que o Concello programou tamén a súa renovación.
Rioboo sinalou que “As obras en Vilaboa están marcando un antes e un despois, hai que lembrar o aspecto que tiña as rúas hasta hai uns anos”, e destacou entre os cambios experimentados a mellora da mobilidade, dos servizos e equipamentos e da imaxe do núcleo.
Coa segunda fase, o investimento destinado á rúa Domingo Sierra supera xa os 700.000 euros. A vía combina o uso residencial coa presenza de equipamentos municipais e educativos, xa que nela se sitúan a oficina municipal de servizos sociais, un centro social, un parque e o CEIP Sofía Casanova.
No conxunto de Vilaboa, o Concello de Culleredo leva destinados 4 millóns de euros á súa rexeneración urbana, con actuacións tanto na rede viaria como nas prazas. Actualmente están en execución a reforma da avenida principal, no tramo entre a AP-9 e Luis Seoane, e a renovación da praza da Sagrada Familia.