Culleredo acolle unha xornada solidaria para visibilizar a ELA e apoiar ás persoas afectadas

GaliciaXa | ACoruñaXa
A explanada do Burgo reuniu música, gastronomía e actividades solidarias con motivo do Día Mundial da ELA
Día-Mundial-de-la-ELA-Culleredo-26
21 Jun 2026

A explanada do Burgo, en Culleredo, converteuse este domingo 21 de xuño no escenario dunha xornada solidaria organizada pola Asociación Galega de Esclerose Lateral Amiotrófica (AGAELA) coincidindo coa conmemoración do Día Mundial da ELA. O Concello de Culleredo colaborou nesta iniciativa, que combinou actividades gastronómicas, actuacións musicais e accións de sensibilización para achegar á sociedade a realidade desta enfermidade.

Ao evento asistiron o alcalde de Culleredo, José Ramón Rioboo; a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García; a concelleira de Cohesión Social, Marta Figueroa, así como outros integrantes da Corporación municipal.

Durante a súa intervención, o rexedor destacou a estreita colaboración que o Concello mantén con AGAELA ao longo dos últimos anos e subliñou a importancia do traballo que desenvolve a entidade no acompañamento ás persoas afectadas e ás súas familias.

Rioboo tamén puxo en valor algunhas iniciativas xa consolidadas froito desta colaboración, entre elas o banco de apoio técnico, un servizo que facilita ás familias o acceso a recursos e material adaptado para a vida diaria, como guindastres ou camas articuladas.

A programación comezou ás 12.00 horas cunha sesión vermú amenizada por Mon Services. Unha hora máis tarde tivo lugar a comida popular solidaria, elaborada pola Pulpeira de Camariñas, que incluíu tapas de polbo e churrasco. Parte do importe recadado por cada tapa destinouse integramente a AGAELA.

A música en directo tamén ocupou un papel destacado ao longo da xornada. O grupo Gremlins ofreceu unha actuación solidaria ás 14.00 horas, mentres que ás 16.00 horas tomou a remuda o grupo Aires de Sigrás.

Ás 15.00 horas celebrouse ademais un sorteo solidario entre as persoas que adquiriron rifas durante a xornada. Os premios, cedidos de maneira altruísta por establecementos locais, incluíron experiencias gastronómicas, tratamentos capilares, cestas de produtos e lotes de viño, entre outros agasallos.

Durante toda a celebración mantívose tamén un servizo de barra con bebidas e instalouse unha carpa grazas á colaboración da Agrupación Folclórica Ancoradoira e do Concello de Culleredo.

O principal obxectivo desta iniciativa foi contribuír a dar visibilidade á Esclerose Lateral Amiotrófica, achegar á cidadanía a realidade que viven as persoas afectadas pola enfermidade e recadar fondos destinados ao apoio dos pacientes e das súas familias.

0.16051721572876