Culleredo acolle un obradoiro gratuíto para aprender técnicas de comunicación asertiva

ACoruñaXa
A actividade, promovida por ANHIDA Coruña coa colaboración do Concello, celebrarase o xoves 23 de xullo no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo e require inscrición previa
comunicacion-asertiva-culleredo
22 Jul 2026

O Edificio de Servizos Múltiples do Burgo acollerá o vindeiro xoves 23 de xullo un obradoiro gratuíto centrado na comunicación asertiva, unha iniciativa impulsada pola asociación ANHIDA Coruña en colaboración co Concello de Culleredo. A sesión desenvolverase entre as 19.00 e as 20.30 horas e estará dirixida pola psicóloga xeral sanitaria Carla Delmonte Martínez.

A proposta está orientada a proporcionar ás persoas participantes ferramentas prácticas para mellorar a súa forma de comunicarse no día a día, favorecendo interaccións máis seguras, empáticas e asertivas.

Ao longo do taller abordaranse tres aspectos principais: o fortalecemento das relacións persoais, a capacidade para expresar ideas con claridade e confianza e a escoita activa, ofrecendo recursos para comprender e atender de maneira máis eficaz ás demais persoas.

A actividade toma como referencia unha reflexión da terapeuta Virginia Satir, quen afirmaba que “Las palabras que usamos tienen el poder de crear o destruir posibilidades”, poñendo o foco na influencia que a linguaxe exerce tanto no ámbito familiar como no social e laboral.

A participación é de balde, aínda que as persoas interesadas deberán formalizar previamente a súa inscrición a través da páxina web oficial de ANHIDA Coruña.

Desde o goberno local animan á cidadanía a participar nesta iniciativa e destacan a importancia da colaboración con entidades sociais como ANHIDA Coruña para achegar actividades divulgativas que contribúan ao benestar emocional da veciñanza.

0.12486910820007