Culleredo abrirá un proceso de diálogo para consensuar a venda de alcohol nos centros sociais

O Concello de Culleredo iniciará nas vindeiras semanas unha rolda de xuntanzas coas directivas e persoas responsables dos centros sociais do municipio para abordar, dende o diálogo e o acordo, a cuestión da venda de alcohol nestes inmobles municipais.
A medida chega tras recibir o Concello queixas e comentarios de veciñanza preocupada por situacións rexistradas durante as pasadas festas de Nadal, especialmente cando coincidiron actividades para a infancia con consumo de bebidas alcohólicas que algunhas persoas consideraron pouco axeitado. Varias familias apuntaron, ademais, ao contraste que se produce en espazos frecuentados por menores cando se celebran propostas dirixidas a nenas e nenos.
Dende o goberno local subliñan que estas inquedanzas se trasladan dende o respecto e a vontade de convivencia, e que a administración entende tanto a preocupación de nais e pais como a realidade social de moitas parroquias, nas que os centros sociais e as súas cafeterías funcionan, a miúdo, como principal punto de encontro.
Por iso, o Concello aposta por abrir un espazo de diálogo con todas as partes implicadas para estudar alternativas: analizar límites razoables, valorar unha posible regulación de horarios, reducir determinadas bebidas alcohólicas ou aplicar medidas específicas cando haxa programación infantil.
O Concello lembra tamén que no ano 2023 o pleno municipal aprobou por unanimidade a nova ordenanza reguladora do uso de centros e edificios municipais, un marco que permite revisar e actualizar concesións vixentes para adaptalas a criterios actuais de convivencia, responsabilidade e uso axeitado dos espazos públicos.
O obxectivo do goberno local, sinalan, non é prohibir nin impor, senón pactar solucións equilibradas para que os centros sociais sigan a ser lugares abertos, acolledores e seguros para todas as idades, reforzando o seu papel como espazos de encontro, participación e vida comunitaria en Culleredo.