Cullerciencia enche hoxe O Burgo de experimentos e divulgación para toda a familia

A explanada do paseo marítimo de O Burgo acolle hoxe, sábado 6 de xuño, a oitava edición de Cullerciencia, unha feira científica escolar organizada polo CEIP Ría do Burgo e o Concello de Culleredo.
A cita abrirá oficialmente ás 12.00 horas coa presenza do alcalde, José Ramón Rioboo, e do profesorado organizador, que realizarán unha visita polos diferentes postos participantes. A feira permanecerá aberta ata as 20.00 horas.
Cullerciencia volverá converter O Burgo nun espazo de aprendizaxe, curiosidade e participación, con propostas pensadas para achegar a ciencia ao público familiar a través de experimentos, proxectos creativos e actividades interactivas.
Nesta edición participarán 34 postos nos que estarán presentes colexios, institutos, centros de investigación, facultades, fundacións e asociacións. Cada entidade presentará a súa propia proposta, baseada en traballos e investigacións científicas desenvolvidas ao longo do curso.
A iniciativa busca espertar vocacións científicas entre a rapazada e, ao mesmo tempo, achegar á cidadanía o traballo que se realiza nas aulas e nos diferentes ámbitos da investigación. Cun formato aberto e participativo, Cullerciencia consolídase como unha das citas divulgativas de referencia no municipio.