Coruña pon este sábado punto e final ao Entroido

ACoruñaXa
A ruada comezará ás 13.00 horas e está previsto que participen as diferentes comparsas da cidade, que irán engalanadas cos traxes cos que percorreron a cidade na última semana
Imaxe do Entroido coruñés
17 Feb 2024

O Entroido da Coruña vivirá este sábado 17 de febreiro o seu último acto oficial. Coincidindo co Entroido Pequeno, haberá unha ruada das comparsas da cidade, que transcorrerá polo Cantón pequeno, cun percorrido que chegará ata a praza de Azcárraga.

Deste xeito, as comparsas pecharán dez xornadas de intensa actividade, nas que a cidade gozou dunha das súas celebracións máis emblemáticas, cun gran seguimento por parte dos coruñeses e coruñesas. "O Goberno de Inés Rey é consciente da gran importancia que ten o Entroido para a cidade e, en consecuencia, ofrecemos un gran número de actividades e actuacións de gran nivel, sen deixar de lado a tradición desta época", indicou Gonzalo Castro, concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade.

A ruada comezará ás 13.00 horas e está previsto que participen as diferentes comparsas da cidade, que irán engalanadas cos traxes cos que percorreron a cidade na última semana. Péchase, deste xeito, un Entroido coruñés que deixou grandes cifras de asistencias aos eventos centrais. Así pois, o Martes de Entroido, na rúa da Torre e a súa contorna, houbo máis de 30.000 persoas asistentes. Por outra banda, o sábado 10 celebrouse nas rúas da cidade o tradicional desfile de Entroido, coa presenza de máis de 25.000 persoas.

0.17425489425659