Convocado un concurso escolar na Coruña para elixir a súa postal de Nadal

ACoruñaXa
O alumnado de 5º e 6º de Primaria dos colexios públicos poderá presentar os seus debuxos ata o 20 de novembro
A CORUÑA nadal
8 Nov 2026

O Concello da Coruña pon en marcha unha nova edición do concurso escolar para elixir a postal institucional coa que felicitará o Nadal. A iniciativa está dirixida ao alumnado de quinto e sexto de Educación Primaria dos colexios públicos da cidade, que poderá presentar os seus traballos ata o próximo 20 de novembro.

Os debuxos deberán realizarse sobre cartolina branca de tamaño A4, en cor e sen axuda de persoas adultas. A participación tramitarase a través dos propios centros educativos, que deberán remitir as propostas ao Servizo Municipal de Educación xunto coa correspondente autorización. As creacións non poderán incluír adhesivos, relevos nin purpurina, e tampouco deberán levar o nome do autor ou autora.

O debuxo gañador converterase na postal oficial do Concello para felicitar as festas a institucións, municipios e entidades. Como premio, o seu autor ou autora recibirá unha Nintendo Switch 2 e poderá participar no acendido das luces de Nadal na praza de María Pita, ademais de coñecer os Reis Magos acompañado da súa familia.

A iniciativa tamén terá recompensa para o resto da clase, que poderá participar como figurante na Cabalgata de Reis nun tren reservado para o grupo. Ademais, o centro educativo ao que pertenza o gañador gozará dunha actuación musical ou teatral sorpresa.

O concurso contempla tamén o sorteo de dez agasallos, cun valor aproximado de 150 euros cada un, entre os debuxos seleccionados polos colexios e remitidos ao Concello.

A proposta, que se celebrou por primeira vez o pasado ano, busca incorporar a creatividade dos máis pequenos a unha das tradicións do Nadal coruñés.

0.11071085929871