Conta atrás para o inicio do verán na Coruña: o servizo de socorrismo comeza a funcionar o día 15 nas prais

ACoruñaXa
O pasado luns comezou a instalación das casetas destinadas ao persoal de salvamento e socorrismo, que atenderá as praias de Riazor, Orzán-Matadoiro, As Lapas, Santo Amaro, Oza e a área de baño balizada no Parrote
Imaxe da praia de Riazor
7 Xuño 2024

O Concello puxo en marcha a inicios desta semana os preparativos previos ao inicio da nova tempada de praias na Coruña, que arrincará oficialmente o sábado 15 de xuño, coa incorporación do persoal adscrito ao servizo de salvamento, socorrismo, vixilancia e primeiros auxilios.

O pasado luns comezaron os traballos de instalación das casetas dos postos de salvamento, que xa están sendo habilitadas en praias como As Lapas e Oza, entre outras. Tamén ao longo destes días se procederá á revisión e instalación dos equipamentos de megafonía necesarios para emitir a información de servizo e os comunicados de seguridade que determine o persoal de socorrismo presente nas praias.

Cómpre lembrar que o servizo de salvamento e socorrismo desta tempada estival prestarase ata o día 15 de setembro, todos os días, das 11.00 ás 21.00 horas, de forma ininterrompida. O persoal estará distribuído entre as praias de Riazor, Orzán-Matadoiro, As Lapas, Santo Amaro, Oza -que dará cobertura, ademais, á zona de Santa Cristina do Concello da Coruña- e á área de baño balizada no Parrote.

Ademais, o Concello tamén ten previsto un seguimento das calas de Durmideiras, cunha planificación de vixilancias diarias. En areais como Os Mouros disporanse aros salvavidas e tamén bandeiras de sinalización do estado do mar.

Un total de 57 persoas, entre as que se atopan profesionais de salvamento, socorrismo, atención médica e enfermaría, transporte sanitario e tripulación de embarcacións, integran o equipo que dará servizo á cidadanía nesta tempada de praias na Coruña.

Un ano máis, A Coruña contará con cinco bandeiras azuis nas praias da cidade, as mesmas que na anterior tempada estival. Os areais que volven contar con esta distinción medioambiental son Riazor, Orzán-Matadoiro, Santo Amaro, As Lapas e Oza, recoñecidas pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC), baseándose nas valoracións efectuadas da calidade da auga, a seguridade e a súa xestión ambiental.

0.1828019618988