Comezan as obras para reforzar un noiro na estrada AC-162 preto da praia de Gandarío en Bergondo
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas comezou hoxe as obras de reforzo dun noiro na estrada AC-162, preto da praia de Gandarío, no concello de Bergondo. Esta actuación, cun investimento de preto de 50.000 euros, ten como obxectivo aumentar a estabilidade do noiro situado no punto quilométrico 1+430, na marxe esquerda desta vía autonómica.
A intervención é unha medida preventiva para evitar o socavamento futuro do noiro, especialmente na zona onde a beirarrúa discorre en beiril e que está exposta a condicións meteorolóxicas adversas, incluíndo as mareas. O proxecto inclúe o reforzo e a protección necesarias para garantir a seguridade da estrutura e evitar posibles danos a longo prazo.
Os traballos, cun prazo de execución estimado dun mes, inclúen a estabilización do terreo mediante a construción dun bloque ancorado con bulóns no solo, reforzado con formigón armado proxectado. Con esta técnica, o terreo actúa como un muro autoportante, o que mellora a súa resistencia e reduce a súa deformabilidade. Ademais, realizaranse tarefas previas de saneamento, roza e eliminación de tocóns.
A Xunta, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, continúa traballando na mellora das estradas autonómicas co fin de incrementar a seguridade viaria e ofrecer aos cidadáns vías máis eficientes e cómodas para o tránsito diario.