Comeza o Mercado das Nubes en San Agustín ata o domingo

ACoruñaXa
Haberá actuacións musicais, postos de artesanía, gastronomía e actividades para os cativos
Imaxe do mercado de San Agustín na Coruña
14 Xuño 2024

O mercado municipal de San Agustín acollerá dende hoxe, venres 14 e o domingo 16 de xuño a edición de verán do Mercado das Nubes, promovido polo Concello xunto con Estrella Galicia e Océano Azul. Está prevista a presenza de 60 negocios de marcas, emprendedores, arte ou decoración.

O Concello colabora na dinamización dos mercados con actividades ao longo do ano, como esta, que busca fomentar a compra sostible e responsable, visibilizando o talento, a creatividade e a diversidade de propostas. Ademais, tamén haberá catro actuacións musicais ao mediodía e pola tarde, con Sophie Simonds (venres ás 19.00 horas), Erik Lepeich (sábado ás 13.45 horas), Carlos Varela (sábado ás 18.30 horas) e Edu Calvario (domingo ás 13.45 horas).

O Mercado das Nubes tamén conta cunha sección gastronómica, da man de Estrella Galicia. Nesta ocasión, os cociñeiros convidados serán Chisco Jiménez, do Culuca, e Moncho Bargo, do Pracer. Estarán, a partir das 13.00 horas, o sábado e o domingo, respectivamente. Haberá, ademais, un posto de xeados de Bico de Xeado.

Ademais, tamén haberá unha zona infantil para que as persoas asistentes deixen aos seus nenos e nenas. Toda persoa interesada pode consultar a programación a través da seguinte ligazón.

0.13895988464355