Coirós convoca a veciñanza a mostrar o seu rexeitamento á violencia machista polo 25N

Coirós sumarase este mércores, 25 de novembro, á conmemoración do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller cun acto institucional para expresar o rexeitamento á violencia machista e mostrar o seu apoio ás vítimas.
A convocatoria terá lugar ás 12.00 horas no Centro Social de Coirós, onde se procederá á lectura do manifesto institucional contra a violencia de xénero. O Concello anima a participar a toda a veciñanza, así como a asociacións, centros educativos e colectivos sociais, co obxectivo de trasladar unha mensaxe conxunta de compromiso fronte a calquera forma de violencia contra as mulleres.
A iniciativa busca converter a xornada nunha mostra de unidade e responsabilidade colectiva a favor dunha sociedade libre de violencias machistas. O acto conta coa colaboración de Francisco Javier Domínguez Buela e co apoio da Deputación da Coruña, a través da súa área de Igualdade de Xénero.
Baixo o lema 'Coirós contra a violencia de xénero. Ningunha agresión sen resposta', o municipio súmase así ás actividades de sensibilización e reivindicación que se desenvolven con motivo do 25N.