Cinco bandas locais subirán ao escenario do Rock in Cambre tras a primeira Batalla de Bandas

O Concello de Cambre vén de poñer en marcha a primeira edición da Batalla de Bandas, un novo concurso musical que permitirá seleccionar cinco formacións locais para actuar como teloneiras na XXXIV edición do Rock in Cambre. A convocatoria e as bases xa foron publicadas no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, abrindo un prazo de dez días hábiles para que os grupos interesados presenten as súas solicitudes.
O certame desenvolverase os días 4 e 5 de setembro no auditorio do Parque da Igrexa de Cambre. Ao longo das dúas xornadas, as bandas participantes ofrecerán actuacións en directo cunha duración máxima de 30 minutos, que serán avaliadas por un xurado especializado.
Como premio, as cinco formacións gañadoras actuarán no Rock in Cambre 2026, previsto para os días 25 e 26 de setembro. Ademais, seleccionarase un máximo de tres bandas de reserva para cubrir posibles vacantes. Cada un dos grupos elixidos contará cunha actuación duns 45 minutos dentro da programación do festival.
A iniciativa permitirá completar o cartel dun festival que este ano terá como principal atractivo a actuación de Medina Azahara, que ofrecerá en Cambre o seu único concerto en Galicia dentro da xira de despedida 'Todo tiene su fin'. O evento contará tamén coa participación de Boikot, Biznaga, Carlangas e Me Fritos and the Gimme Cheetos.
O Concello busca así reforzar o compromiso do Rock in Cambre coa promoción do talento musical da contorna, ofrecendo ás bandas locais a oportunidade de compartir escenario con artistas de referencia da escena estatal.
Poderán participar grupos musicais, pero non solistas, de estilos como o pop, o rock ou a fusión. As formacións deberán estar integradas por un máximo de oito compoñentes e contar, cando menos, cunha persoa empadroada en Cambre desde hai un mínimo dun ano.
Na valoración das propostas, o xurado terá especialmente en conta a calidade da actuación en directo, tanto desde o punto de vista técnico como interpretativo, así como a posta en escena e a capacidade de conexión co público. Tamén se valorarán aspectos como a orixinalidade, a presenza de composicións propias, o uso da lingua galega, a participación feminina e a incorporación de músicos novos.