CCOO denuncia que A Coruña impide na práctica secundar a folga ás traballadoras da axuda no fogar

ACoruñaXa
O sindicato critica que os servizos mínimos decretados para o 11N obriguen a cubrir todas as actividades de atención, mentres que noutros concellos se aplica un horario equivalente ao das fins de semana e festivos
A CORUÑA concello
10 Nov 2026

CCOO do Hábitat denuncia que os servizos mínimos establecidos polo Concello da Coruña para a folga xeral deste mércores, 11 de novembro, impiden na práctica que as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) poidan secundar o paro. Segundo o sindicato, a cobertura obrigatoria de todas as actividades, agás os paseos, obriga ao conxunto do persoal a acudir aos domicilios que ten asignados.

A organización explica que cada persoa usuaria ten polo menos algún servizo de atención considerado obrigatorio, polo que ningunha traballadora podería deixar de acudir ao seu posto sen incumprir os servizos mínimos. CCOO considera que esta decisión supón impoñer unhas condicións que, de feito, impiden exercer o dereito constitucional á folga.

O sindicato compara a situación coa doutros concellos, onde os servizos mínimos para esta xornada equivalen aos horarios das fins de semana e festivos. Neses casos, unicamente se manteñen as atencións ás persoas con grandes necesidades de dependencia.

CCOO cualifica de 'esaxerados' os servizos mínimos aprobados na Coruña e sostén que afectan especialmente a un colectivo precarizado que ten motivos para apoiar as reivindicacións da folga, entre elas a mellora dos salarios, o acceso a unha vivenda accesible, o control dos prezos e o reforzo dos servizos públicos.

A organización sindical tamén critica os servizos mínimos aprobados pola Xunta de Galicia, que considera 'abusivos' e destinados a desactivar a protesta da clase traballadora.

0.15904498100281