Carral acolleu unha actividade para poñer en valor a tradición panadeira e a convivencia

Carral acolleu este venres unha das actividades do proxecto 'Camiño á Afouteza: experiencias colectivas de resiliencia no Camiño Inglés', unha iniciativa impulsada por Gaia Inclusiva que promove o benestar, o crecemento persoal e o empoderamento das mulleres a través de experiencias compartidas vinculadas ao Camiño de Santiago.
A actividade contou coa asistencia do alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, e dos concelleiros Isabel López, Óscar Bodelo e Cristina Casal, xunto coa delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo.
Baixo o título 'Dar: Facer pan, facer comunidade', a xornada xirou arredor da tradición panadeira de Carral, un dos elementos representativos da identidade local. A través dun obradoiro práctico e participativo, as 15 mulleres que forman parte do proxecto elaboraron pan e outros produtos en pequenos grupos, compartindo coñecementos e experiencias nun ambiente de colaboración.
O alcalde de Carral, José Luis Fernández Mouriño, destacou a importancia de vincular iniciativas como esta co patrimonio e as tradicións locais. «A tradición panadeira forma parte da identidade de Carral e representa un saber que se foi transmitindo de xeración en xeración. É importante que siga presente en propostas que permitan coñecela, compartila e achegala a persoas con experiencias e traxectorias diferentes», sinalou.
A actividade incluíu tamén unha degustación e un espazo de conversa arredor da mesa, no que participou Mari Carmen Fernández, da panadería Pedro Fernández, que compartiu a súa experiencia e os seus coñecementos sobre un oficio estreitamente ligado á historia e á tradición do municipio.
A proposta permitiu relacionar a elaboración artesanal do pan con valores como a convivencia, o coidado e o apoio mutuo, ao tempo que puxo de relevo a importancia de preservar e transmitir os saberes tradicionais. O encontro ofreceulles ás participantes un espazo para conversar, aprender e establecer vínculos a partir de experiencias e intereses comúns.
O proxecto conta co apoio da Xunta de Galicia, a través do programa O Teu Xacobeo 2026. A iniciativa comprende cinco experiencias colectivas en diferentes localidades vinculadas ao Camiño Inglés, sendo a de Carral a terceira delas.