Cambre organiza un curso de Operacións de fontanería e calefacción

ACoruñaXa
A formación forma parte Plan Formativo para o Emprego do municipio. As persoas que conclúan o programa obterán un certificado de profesionalidade N1
Imaxe recurso fontanería e calefacción
Imaxe recurso fontanería e calefacción
3 abr 2024

Como parte do seu Plan formativo para o emprego, o Concello de Cambre poñerá en marcha un novo curso de Operacións de fontanería e calefacción (climatización doméstica). O programa ofrecerá un total de 558 horas de formación, prácticas en empresas e axudas económicas de asistencia. Ademais, as persoas que conclúan o curso obterán tamén un certificado de profesionalidade N1.

No período de inscrición, terán preferencia as persoas que estean en situación de desemprego e que estean rexistradas na Oficina de Emprego. Poderán optar tamén persoas ocupadas sempre que queden prazas libres. As persoas interesadas non requirirán dunha titulación mínima para anotarse no curso.

Durante a formación, o alumnado aprenderá a realizar a instalación de tubaxes preparando, cortando e unindo tubos para a condución de fluídos de auga e desaugadoiros. Así mesmo, ensinaráselles a realizar operacións básicas de colocación e mantemento de aparellos sanitarios, radiadores e aparellos de climatización de uso doméstico.

As sesións levarán a cabo no mes de maio no Centro Municipal de Formación do Espírito Santo. O horario das sesións será de 8.30 a 14.30 horas. As inscricións poden realizarse a través do teléfono 981 61 31 96 ou do correo electrónico adl@cambre.org.