Cambre lanzará en outubro o seu programa de actividades socioculturais de proximidade
O Concello de Cambre dará comezo, a partir do 14 de outubro, ao seu programa de actividades socioculturais de proximidade para o curso 2024/2025. Esta iniciativa, que se prolongará ata o 31 de maio de 2025, busca achegar ás parroquias unha ampla variedade de propostas lúdicas e formativas, incluíndo obradoiros de reforzo de memoria, manualidades, pintura, sevillanas, informática, manexo de móbil e tablet, patchwork, costura e confección, e cestería. A excepción das actividades de manexo de móbil e tablet, que contan cunha duración específica, o resto desenvolverase ao longo de todo o período.
O prazo de inscrición estará aberto dende hoxe, mércores 25 de setembro, ata o 4 de outubro. As persoas interesadas deberán cubrir un formulario dispoñible na web municipal e entregalo nos rexistros municipais ou mediante a sede electrónica.
As actividades realizaranse en diferentes localizacións do municipio, como a urbanización A Barcala, Anceis, Brexo-Lema, Bribes, Cambre, Cela, Meixigo, O Temple, entre outras. Algúns dos obradoiros, como o reforzo de memoria en O Temple, ofreceranse en varias sesións semanais debido á alta demanda.
Para que se poidan levar a cabo, cada actividade deberá contar cun número mínimo de participantes. Se o número de solicitudes supera as prazas dispoñibles, realizarase un sorteo público o 9 de outubro. As prazas que queden vacantes poderán ser cubertas por orde de inscrición.