Boikot abre o camiño do Rock in Cambre 2026

O Rock in Cambre xa puxo o primeiro nome sobre a mesa para a súa edición de 2026. A banda madrileña Boikot formará parte do cartel do festival, que terá lugar os días 25 e 26 de setembro e que consolida así o cambio de datas iniciado o pasado ano para afastarse da elevada concentración de citas musicais do verán galego.
Con máis de tres décadas de traxectoria, o encontro cambrés mantén a súa identidade como unha das propostas rockeiras máis veteranas da comarca. A cita conservará a entrada libre e apostará por unha programación capaz de reunir a públicos de distintas xeracións, nun contexto no que cada vez resulta máis difícil competir co formato dos grandes festivais de pago.
A chegada de Boikot supón o primeiro adianto oficial dun cartel que aínda irá medrando nas próximas semanas. O grupo, referente do rock estatal e do punk combativo, chegará a Cambre nun momento de especial actividade creativa, despois de presentar 'La Otra Mitad', unha colaboración con Kaos Urbano que funciona como terceiro avance do seu novo disco, 'No les interesa', previsto para o 19 de xuño. Antes xa estreara 'Toro' e 'Los Últimos Niños', este último coa participación de Ara Malikian.
A organización quere que a edición deste ano combine nomes históricos do rock con propostas capaces de conectar co público máis novo, sen perder o espírito que acompañou ao festival desde os seus inicios. A recuperación de dous días completos de concertos permitirá ampliar a programación e dar máis espazo ao tecido musical da contorna.
Nesa liña, o Rock in Cambre contará con cinco bandas locais, reforzando unha das súas funcións tradicionais: servir de escaparate para os grupos da zona e facilitar que compartan escenario con formacións consolidadas. O resto de confirmacións e os detalles da programación iranse anunciando nas vindeiras semanas a través das canles oficiais do evento.