BiciCoruña supera por primeira vez os 10.000 usos nun só día

BiciCoruña continúa a medrar e vén de superar unha nova barreira histórica. O servizo municipal de bicicletas rexistrou por primeira vez máis de 10.000 usos nunha soa xornada durante o mes de maio, con dous días de actividade récord: o 22, con 10.079 viaxes, e o 27, con 10.016 desprazamentos.
Os datos confirman a consolidación da bicicleta pública como unha das opcións de mobilidade máis empregadas na cidade. Só no primeiro cuadrimestre de 2026, entre xaneiro e abril, completáronse 714.630 viaxes, o que supón unha media de case 6.000 usos diarios. A cifra supera xa a media de 2025, un ano que tamén marcara récord histórico, con 4.742 usos ao día.
O mes de abril foi, ata o momento, o de maior actividade de toda a serie histórica. BiciCoruña sumou 228.182 usos, cunha media diaria de 7.606 traxectos. O día 30 quedou moi preto da barreira dos 10.000, con 9.892 desprazamentos. En comparación con abril de 2025, cando se rexistraron 112.553 usos, o incremento supera o 50%.
Todos os meses deste ano melloraron os rexistros dos mesmos períodos anteriores. Xaneiro pasou de 84.769 usos en 2025 a 128.927 en 2026; febreiro subiu de 96.498 a 144.600; marzo, de 103.970 a 212.921; e abril, de 112.553 a 228.182.
A rede contaba a 30 de abril con 18.431 persoas usuarias activas. Actualmente están operativas 79 estacións, 1.462 ancoraxes e entre 650 e 660 bicicletas, das que 410 teñen apoio ao pedaleo.
As estacións con máis movemento foron a praza de Pontevedra, con 33.386 devolucións e 30.869 inicios de traxecto; Porta Real, con 29.633 devolucións e 26.832 saídas; Casa da Auga, con 28.311 devolucións e 26.074 inicios; praza de Tabacos, con 22.518 devolucións e 20.943 saídas; e Casa do Sol, con 20.718 devolucións e 20.033 inicios de viaxe.
O aumento do uso tamén ten reflexo ambiental. Segundo as estimacións municipais, nos catro primeiros meses de 2026 evitouse a emisión de 353.234 quilos de CO2 á atmosfera, ademais do impacto positivo asociado á redución da contaminación acústica.
A alcaldesa, Inés Rey, destacou coincidindo co Día da Bici que este medio de transporte xa forma parte da vida diaria da cidade e defendeu que a demanda cidadá avala o crecemento da rede.