Betanzos volverá reclamar a Portos de Galicia actuacións para mellorar o estado do porto

O Concello de Betanzos remitirá de novo unha petición a Portos de Galicia para que acometa as actuacións necesarias nas instalacións portuarias da cidade, ao considerar que, malia as reclamacións realizadas durante os últimos anos, o organismo dependente da Xunta non levou a cabo intervencións de relevancia.
A alcaldesa respondeu tamén ás críticas formuladas pola portavoz do Partido Popular de Betanzos, á que acusa de atribuír ao Concello unhas responsabilidades que, segundo sostén o Goberno local, corresponden unicamente a Portos de Galicia.
A rexedora lembra que o convenio ao que fai referencia o grupo popular nunca chegou a entrar en vigor ao non ser aprobado polo Pleno da Corporación, polo que entende que non pode servir para atribuír ao Concello obrigas sobre o mantemento das instalacións portuarias.
Neste contexto, a alcaldesa asegura que “O Concello leva anos reclamando á Xunta que actúe no porto. Fixémolo en numerosas ocasións e seguiremos facéndoo porque entendemos que Betanzos merece unhas instalacións en condicións. O problema non é a falta de peticións do Concello, senón a falta de resposta de Portos de Galicia”.
O Goberno municipal lembra ademais que Portos de Galicia é o titular das instalacións, o organismo encargado de autorizar as concesións e o que percibe os ingresos derivados dos amarres, da ocupación do dominio público e doutros servizos prestados no porto. Neste sentido, a alcaldesa afirma que “Se Portos de Galicia cobra polos servizos, tamén ten a obriga de investir no seu mantemento. O que non pode facer é ingresar as taxas e desentenderse do estado das instalacións”.
A rexedora considera tamén que resulta preocupante que o Partido Popular de Betanzos, ao seu xuízo, “prefira exercer de portavoz da Xunta antes que defender os intereses da cidade”. Nesa liña, engade que “En lugar de reclamar ao Goberno galego que cumpra coas súas obrigas, dedícanse a buscar escusas para xustificar un abandono que padecen diariamente os usuarios do porto”.
O Concello anuncia que volverá dirixirse formalmente a Portos de Galicia para solicitar a execución das actuacións pendentes e reclamar que a Xunta dea resposta ás demandas que, segundo sinala o Goberno local, leva anos trasladando.
A alcaldesa conclúe asegurando que “Desde este goberno non imos deixar de defender os intereses de Betanzos. Entre poñernos ao lado da nosa cidade ou poñernos ao lado da Xunta, a nosa elección sempre será Betanzos”.