Betanzos renova o pavimento da avenida Jesús García Naveira cun investimento de máis de 65.000 euros

ACoruñaXa
As obras, que se realizarán no último trimestre do ano, mellorarán a seguridade e o drenaxe da vía, ademais da adaptación de pasos peonís e iluminación viaria
Imaxe da avenida Jesús García Naveira en Betanzos
1 Out 2024

O Concello de Betanzos anunciou a renovación do pavimento da avenida Jesús García Naveira, unha das principais rúas da cidade, cun orzamento superior aos 65.000 euros. Os traballos levaranse a cabo durante o último trimestre de 2024 e incluirán a mellora do firme e a reposición da sinalización viaria.

A actuación consistirá no fresado e substitución do pavimento de aglomerado asfáltico, prestando especial atención aos tramos deteriorados e ás pendentes que dificultan o drenaxe axeitado das augas pluviais. Non se intervirá nas zonas de estacionamento, salvo naqueles puntos onde sexa necesario axustar o contacto co pavimento.

Tamén se renovarán os pasos de peóns, tanto co pintado como con melloras na iluminación para reforzar a seguridade viaria. O goberno local ten previsto estender este tipo de actuacións a outras zonas da cidade no futuro.

Obras no camiño de San Xiao cara aos Caneiros

Por outra banda, o Concello está a ultimar os traballos de arranxo do camiño de San Xiao, que conecta coa zona dos Caneiros. As obras inclúen a creación de beiravías máis seguras e a instalación de desaugadoiros para evitar desprendementos. Cun investimento de máis de 40.000 euros, prevese que os traballos rematen a mediados de outubro, momento no que o camiño se reabrirá ao tráfico.

0.1704568862915