Betanzos recoñecerá a Lar de Unta, Chimi Churri, Antón Lagares e Xóvenes do Pobo cos Premios Garelos 2026

ACoruñaXa
A Comisión de Nomenclátor, Distincións e Honras aprobou por unanimidade a proposta, que será elevada ao pleno antes da entrega dos galardóns o 14 de agosto
betanzos-premios-garelo-2026
24 Jul 2026

A Comisión de Nomenclátor, Distincións e Honras do Concello de Betanzos aprobou por unanimidade a concesión dos Premios Garelos 2026, os máximos recoñecementos honoríficos que outorga o municipio cada dous anos para distinguir persoas, entidades e colectivos pola súa contribución ao desenvolvemento da cidade. A proposta será agora elevada ao próximo pleno municipal para a súa aprobación definitiva.

Nesta edición, a comisión acordou conceder o Premio Garelo de Comercio e Industria á Parrillada Chimi Churri; o Premio Garelo de Educación e Cultura á Asociación Cultural Lar de Unta; o Premio Garelo do Deporte ao piragüista Antón Lagares Montes; e o Garelo Especial á Asociación Cultural de Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo, coincidindo co 50 aniversario da súa fundación.

A alcaldesa, María Barral, destacou que os Premios Garelos constitúen “o maior recoñecemento institucional que concede o Concello” e sinalou que as persoas e entidades distinguidas nesta edición “simbolizan o esforzo, o compromiso e o orgullo de pertenza a Betanzos, contribuíndo desde ámbitos moi diferentes a engrandecer o nome da cidade e a preservar o seu patrimonio económico, social, deportivo e cultural”.

O Premio Garelo de Comercio e Industria recaerá na Parrillada Chimi Churri, un establecemento con máis de cinco décadas de historia que se converteu nun referente da hostalaría e da gastronomía local. O negocio naceu en 1969 da man de Luís Carro Fraga e da súa muller, Isabel, coa apertura do Rancho Chimi Churri, pioneiro na introdución dun novo concepto de carnes á brasa. Co paso dos anos evolucionou ata a actual Parrillada Chimi Churri e, tras o falecemento do fundador, continúa baixo a dirección da súa filla Mary. A comisión valorou a súa traxectoria, a capacidade de adaptación ao longo do tempo e a súa achega ao desenvolvemento económico e á proxección gastronómica de Betanzos.

No ámbito da cultura, o Premio Garelo distinguirá á Asociación Cultural Lar de Unta, fundada en 1999. O Concello recoñece así os seus 25 anos de actividade na promoción da cultura galega, da lingua, das tradicións populares e do patrimonio, así como o seu labor en favor da participación cidadá, da igualdade e da defensa do medio ambiente. Ao longo deste tempo, a entidade consolidouse como unha das referencias do asociacionismo cultural betanceiro grazas á ampla programación de actividades que desenvolve.

O Premio Garelo do Deporte será para o piragüista Antón Lagares Montes, despois dunha tempada na que conseguiu a medalla de bronce en C1 200 metros júnior e a prata en C4 500 metros no Campionato do Mundo de Piragüismo Sprint. Estes resultados sitúano entre os mellores especialistas da súa categoría e supoñen un dos maiores éxitos recentes do deporte betanceiro.

O Garelo Especial distinguirá á Asociación Cultural de Danzas Gremiais Xóvenes do Pobo no ano en que celebra o seu medio século de vida. O Concello destaca o papel desempeñado pola entidade na conservación e transmisión das danzas gremiais de Betanzos, especialmente as dos Mariñeiros e dos Labregos, así como o seu traballo para garantir o relevo xeracional mediante as escolas de baile e a incorporación das mulleres á tradición. A administración local subliña tamén a figura de Ton Pena polo impulso dado á asociación desde os seus inicios e considera que Xóvenes do Pobo se converteu nun dos grandes embaixadores da cultura tradicional da cidade e dun dos símbolos das festas de San Roque.

Os Premios Garelos 2026 entregaranse o vindeiro 14 de agosto nun acto institucional que reunirá aos galardoados, ás súas familias e a representantes da Corporación municipal, así como do tecido económico, cultural, deportivo e social de Betanzos.

0.12020707130432