Betanzos prevé abrir o novo Centro de Información á Muller a principios de ano

ACoruñaXa
O servizo contará cunha entrada independente e ofrecerá atención xurídica e psicolóxica, ademais de asistencia específica ás vítimas de violencia de xénero. As obras teñen un orzamento de 151.261 euros.
BETANZOS obras cim
13 Nov 2026

O novo Centro de Información á Muller (CIM) de Betanzos podería comezar a funcionar a principios do vindeiro ano. Así o avanzou a alcaldesa, María Barral, durante unha visita ás obras que se están a desenvolver nunha parte do edificio de Servizos Sociais. A rexedora destacou que se trata dun servizo que leva anos sendo reclamado na localidade e que permitirá atender tamén as mulleres doutros municipios da comarca.

Barral lembrou que Betanzos, pola súa condición de cabeceira comarcal, é o lugar axeitado para ofrecer esta atención especializada ás mulleres de toda a contorna. 'Despois de tanto tempo sen ser escoitados por quen ten as competencias, que é a Xunta, decidimos dar un paso á fronte', sinalou. A alcaldesa asegurou que a posta en marcha do centro era un proxecto que levaba anos entre as prioridades do seu equipo de goberno e que finalmente se está a executar a través do Plan de Obras e Servizos (POS) da Deputación.

A actuación conta cun orzamento de 151.261,06 euros. O novo CIM disporá dunha entrada independente da dos Servizos Sociais municipais e terá persoal especializado para prestar atención tanto pola mañá como pola tarde. O deseño das instalacións busca garantir a privacidade e a comodidade das usuarias, e o servizo rexerase polos principios de anonimato, confidencialidade e respecto á vontade das mulleres.

Atención xurídica, psicolóxica e contra a violencia de xénero

Entre as prestacións previstas figuran a atención específica ás vítimas de violencia de xénero, o asesoramento xurídico e o apoio psicolóxico, así como información sobre os recursos dispoñibles. O centro tamén poderá recibir denuncias e queixas por discriminación e organizar cursos, xornadas e campañas de sensibilización en materia de igualdade.

O servizo terá ademais un alcance comarcal. Atenderá mulleres doutros municipios da contorna que ata agora dependían dos centros de Coirós ou Curtis, unha situación que, segundo o goberno local, supuña dificultades de desprazamento para moitas veciñas.

'Todo parece indicar que a principios de ano poderemos abrir', afirmou Barral, que definiu o proxecto como unha resposta a 'unha necesidade histórica das mulleres de Betanzos e de toda a comarca'. A alcaldesa volveu reivindicar que o Concello asumise esta actuación malia non ter as competencias na materia.

Desde o goberno local relacionan esta situación con outras demandas pendentes no municipio, como a inclusión de Betanzos no programa de novas residencias para persoas maiores anunciado pola Xunta. O executivo municipal considera que a localidade debería ter sido incluída pola súa condición de cabeceira comarcal e por carecer dunha residencia e dun centro de día públicos, ademais de cumprir os criterios anunciados pola propia Consellería.

0.14749693870544