Betanzos esixe ao Goberno unha solución urxente aos problemas de persoal da Oficina da Seguridade Social

ACoruñaXa
O Concello denuncia a falta de atención presencial e reclama que os veciños non teñan que desprazarse fóra da cidade para realizar trámites
BETANZOS inss
25 Jan 2026

O Concello de Betanzos reclamou á Subdelegación do Goberno unha solución inmediata aos problemas de atención á cidadanía que presenta a Oficina da Seguridade Social da cidade, unha situación que está obrigando a numerosos veciños de Betanzos e da comarca a desprazarse a outros municipios para poder realizar xestións presenciais.

Así o fixo público a alcaldesa, María Barral, quen explicou que xa abordou esta problemática coa anterior subdelegada do Goberno, que se comprometeu a buscar alternativas, e tamén co actual subdelegado, Julio Abalde, co que manterá unha nova reunión nos vindeiros días para volver tratar o asunto.

Segundo indicou a rexedora, tras poñer o problema en coñecemento da anterior responsable produciuse unha mellora puntual no servizo, aínda que esta apenas se mantivo durante uns días. A principal causa da situación actual é a falta de persoal. “Desde a pandemia a oficina non volveu funcionar con total normalidade”, sinalou.

Barral explicou que existen baixas de longa duración e persoal acollido ao sistema de teletraballo, o que provoca que en moitas xornadas non se poida ofrecer atención presencial. Aínda respectando os dereitos laborais dos traballadores, o Concello considera imprescindible atopar unha solución definitiva.

Desde o goberno local subliñan que os veciños de Betanzos e da comarca, que contan cunha oficina no centro da cidade, non teñen por que desprazarse a A Coruña, Melide ou Ferrol para realizar trámites presenciais. O Concello asegura que seguirá esixindo unha resposta eficaz por parte da administración responsable do servizo.

⚙ Configurar cookies
0.079047918319702